Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenado a 17 anos de cárcere un dirixente do asalto ao Capitolio

Condenado a 17 anos de cárcere un dirixente do asalto ao Capitolio

Biggs e outros tres membros dos Proud Boys, entre eles o seu líder Enrique Tarrio, foron achados culpables en maio de conspirar para cometer sedición

G24.gal 31/08/2023 19:44 Última actualización 31/08/2023 19:53

Un dos xefes do grupo ultradereitista estadounidense Proud Boys, Joseph Biggs, foi condenado este xoves a 17 anos de cárcere pola conspiración para tentar manter o expresidente Donald Trump no poder.

Biggs e outros tres membros dos Proud Boys, entre eles o seu líder Enrique Tarrio, foron achados culpables en maio de conspiraren para cometer sedición polo asalto do 6 de xaneiro de 2021 ao Capitolio, que tivo lugar mentres se certificaba a vitoria electoral do demócrata Joe Biden en 2020.

Á parte de Biggs e Tarrio, de orixe cubana, os outros dous ultradereitistas achados culpables foron Ethan Nordean e Zachary Rehl.

A fiscalía solicitara para Biggs 33 anos de cárcere. A condena recibida hoxe achégase á de 18 anos ditada o pasado maio contra o fundador do tamén grupo ultradereitista Oath Keepers Stewart Rhodes igualmente pola conspiración para que Trump seguise na Casa Branca.

Esa pena mantense como a máis forte emitida contra un imputado polo ataque do 6 de xaneiro de 2021, día en que unhas 10.000 persoas, a maioría simpatizantes de Trump, marcharon cara ao Capitolio e unhas 800 irromperon no edificio. Houbo cinco mortos e preto de 140 axentes feridos.

Outro acusado xunto a Biggs e os outros tres Proud Boys, Dominic Pezzola, librouse en maio do cargo de sedición, pero foi achado culpable de asalto, resistencia a un axente da autoridade e roubo de bens gobernamentais.

A declaración de culpabilidade chegou despois dunha semana de deliberacións nun tribunal federal de Washington.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade