Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenado a 47 anos de prisión por malos tratos continuados á súa parella

Condenado a 47 anos de prisión por malos tratos continuados á súa parella

Converteu a vida da súa moza "nun auténtico horror, xa que estaba sometida á vontade do acusado", mesmo quitándolle ata a tarxeta sanitaria e o contacto coa súa familia

O acusado terá que indemnizar a vítima con 150.000 euros polas lesións, secuelas e o dano moral causado

G24.gal 27/04/2023 19:09 Última actualización 27/04/2023 19:25

Condena de 47 anos de cárcere para un home como autor dos delitos de malos tratos habituais á súa moza de 19 anos coa que conviviu en varias localidades da provincia, entre elas, Lalín.

A sentenza da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra fala de maltrato habitual físico e psíquico no ámbito da violencia de xénero, delito contra a integridade moral, coaccións graves, lesións con deformidade, agresión sexual, lesións e lesións contra a muller.

O acusado mantivo unha relación de parella coa vítima desde febreiro de 2017 ata febreiro de 2020 (cando a moza logrou abandonar a vivenda que compartían). Durante ese tempo, o tribunal considera probado que "levou a cabo un comportamento cotián controlador, posesivo e violento tanto físico como psíquico contra a súa parella", que se intensificou de maneira progresiva.

Segundo a sentenza, dirixíalle insultos e expresións para menosprezala e humillala e golpeábaa dándolle labazadas na cara, ademais de patadas, puñadas e golpes por todo o corpo, chegando en ocasións a moza a perder o coñecemento.  

Ademais "retorcíalle os dedos das mans, os pulsos e dobráballe os brazos, tiráballe dos pelos, apertáballe o pescozo e dáballe lategazos con varas e cables", convertendo a vida da moza "nun auténtico horror, xa que estaba sometida á vontade do acusado".  

Segundo as maxistradas, o home "actuou en todo momento con absoluto desprezo á condición de muller da vítima, a quen consideraba da súa absoluta propiedade". Este comportamento agresivo e violento sostido no tempo, provocou na moza "un gran padecemiento físico e psíquico, e un temor e medo constante na súa relación de parella".  

A resolución explica que nos últimos 7 meses de relación, o acusado controlaba a súa parella impedíndolle o contacto coa súa familia ou achegados quitándolle o móbil. Mesmo chegou a quitarlle á moza a súa tarxeta sanitaria e impediulle recibir atención sanitaria, polo que cando sufría lesións polas súas agresións, tiña que curarse ela mesma con "auga, sal e vinagre".  

A lista de agresións é aínda máis ampla: rompeulle varias pezas dentais a golpes e o tabique nasal dúas veces, causoulle fracturas nas costelas, húmeros e fémures, obrigábaa frecuentemente a durmir no chan coa cadela, a estar de xeonllos no chan durante horas, e manter relacións sexuais aínda que ela non quixese. Retorceulle tantas veces as orellas que lle rompeu os cartílagos e llas deformou totalmente, entre outras terribles vexacións e ataques.

A Audiencia de Pontevedra tamén condenou o acusado a indemnizar a vítima con 150.000 euros polas lesións, secuelas e o dano moral causado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade