Galicia lidera os pagos da PAC, cunha execución do 83 % fronte ao 53 % de media estatal
Galicia lidera os pagos da PAC, cunha execución do 83 % fronte ao 53 % de media estatal
A Consellería do Medio Rural xa executou os 45 millóns de euros do anticipo da PAC con varias semanas de antelación
Máis de 23.000 gandeiros e agricultores benefícianse cada ano destas axudas
A Xunta destacou que Galicia é a comunidade autónoma que lidera o grao de execución dos pagos da política agraria común (PAC) cun 83 % do total xa abonado, fronte ao 53 % da media estatal.
Ademais, a comunidade galega atópase a 11 puntos de referencia en comparación coa segunda rexión máis avantaxada, que executou o 72 %.
Neste sentido, subliñou que "se manifesta o compromiso do Goberno autonómico co sector primario galego, apostando sempre pola axilidade á vez que se garante a seguridade xurídica dos máis de 23.000 gandeiros e agricultores que se benefician cada ano destas axudas".
Así, a Consellería do Medio Rural xa executou os 45 millóns de euros do anticipo da PAC con varias semanas de antelación, adiantando os pagos ao mes de outubro, cando o habitual é cobralos en novembro.
Este anticipo, reivindicou, "é de vital importancia para o sector primario galego, xa que permite inxectar un montante de diñeiro inicial que facilita que agricultores e gandeiros a posibilidade de empezar a operar sen ter que esperar a que abra o período de pagos da PAC".
En concreto, estes 45 millóns foron destinados ás liñas de vacún de leite e carne, xa que son axudas non asociadas a superficies.
Así mesmo, Galicia abonou as axudas da PAC por un importe que ascende a uns 117 millóns de euros; desagregados en máis de 99,3 millóns de axudas directas e outros case 17,73 millóns naquelas destinadas a zonas con limitacións naturais.
Así, o sector primario galego beneficiarase de máis 160 millóns de euros, tendo en conta tamén o anticipo, antes de finalizar o ano e dentro do primeiro mes a partir do cal se permiten os pagos para a actual campaña.