Un robot rozador ou ovellas con aversión: estudan a mellor opción para limpar vides e oliveiras
A Misión Biolóxica de Galicia colabora cos produtores de Quiroga no proxecto Agri-Rovenat
A aversión das ovellas lógrase dándolles follas do cultivo cun preparado químico
Manter libre de herba e mato unha viña ou un plantío de oliveiras implica ter que facer ata seis rozas entre abril e setembro. Iso pode resultar inviable para moitas explotacións, tanto polo custe coma pola falta de traballadores no rural.
Por iso, seguindo a liña de colaboración iniciada hai anos para rescatar as vides e as oliveiras autóctonas, os investigadores da Misión Biolóxica de Galicia e os produtores de Quiroga buscan agora alternativas sostibles para potenciar estes cultivos.
No novo proxecto piloto Agri-Rovenat, están comparando as vantaxes de usar un robot rozador teledirixido fronte a un sistema aparentemente tradicional, pero tamén innovador: as ovellas con aversión inducida aos cultivos. O protocolo ten todas as garantías en canto a saúde e benestar animal, asegura Carmen Martínez, directora do Grupo VIOR da Misión Biolóxica de Galicia e responsable do proxecto.
"O que fai o método de aversión é como se lles collesen noxo aos cultivos".
O sistema, desenvolvido polo grupo de Recerca des Remugants da Universidade Autónoma de Barcelona, consiste en darlles aos animais as follas do cultivo cun preparado de cloruro de litio. De momento vai ben, asegura a responsable do proxecto, pero agardan ao seguimento para verificar canto tempo se mantén a aversión.
"Pode ser unha maneira de solucionar certas parcelas que poden quedar pechadas e que se poden atender con gando".
Julio Quiroga, copropietario de Ouro de Quiroga, empresa promotora da produción de viños e aceites autóctonos, confía en que o sistema sexa viable para axudar a manter poboación no rural con cultivos agrarios sostibles. Carmen Martínez resalta ademais os beneficios do esterco das ovellas para o crecemento dos cultivos.
Amais do aforro en rozas, herbicidas ou fertilizantes, as ovellas suporían unha produción a maiores de carne e leite para as explotacións. Por iso o proxecto prevé xa nunha segunda fase avaliar a calidade do leite das ovellas.
