Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenan o opositor ruso Navalni a outros 19 anos de prisión por extremismo

Condenan o opositor ruso Navalni a outros 19 anos de prisión por extremismo

A súa organización denunciou o enriquecemento ilícito dos altos funcionarios, incluído o presidente, Vladimir Putin

Aínda debe ser xulgado por un tribunal militar por terrorismo, o que podería carrexarlle outros dez anos

G24.gal 04/08/2023 16:50 Última actualización 04/08/2023 17:00

A xustiza rusa condenou este venres ao encarcerado líder opositor, Alexéi Navalni, a outros 19 anos de prisión por extremismo, entre outros cargos.

Navalni, de 47 anos, terá que cumprir a pena nun cárcere con réxime especial, onde se reclúe aos presos reincidentes ou aqueles que recibiron cadeas perpetuas.

O xuízo tivo lugar na prisión da rexión de Vladimir -a uns 200 quilómetros de Moscova-, na que xa cumpre nove anos por estafa.

O opositor está acusado de crear unha organización extremista, en alusión ao Fondo de Loita contra a Corrupción (FBK), fundado en 2011 e ilegalizado hai dous anos.

O FBK irritou excesivamente ao Kremlin porque denunciou o enriquecemento ilícito dos altos funcionarios, incluído o presidente, Vladimir Putin, ao que acusou en 2021 de ter un suntuoso palacio a beiras do mar Negro.

Ademais, tamén se lle interpuxeron cargos por financiar e instigar actividades extremistas, crear unha organización que atentou contra os dereitos dos cidadáns e involucrar a menores de idade en accións perigosas, en referencia a manifestacións opositoras non autorizadas.

O xuíz do Tribunal Urbano de Moscova, Andréi Suvórov, apenas tardou uns poucos minutos en ditar a pena contra Navalni, que compareceu na sala vestido con uniforme de presidiario.

Os servizos penais impediron á prensa estar presente na sala e os xornalistas tiveron que seguir a audiencia por televisión desde outra habitación.

Navalni aínda debe ser xulgado por un tribunal militar por terrorismo, o que podería suporlle outros dez anos.

Ademais, pediu aos seus correlixionarios que non se rendan e que sigan protestando contra o Kremlin, aínda que esa protesta sexa silenciosa.

"Non hai nada vergoñento en elixir a forma máis segura da protesta. É vergoñento non facer nada e deixarse intimidar", asegurou en Telegram.

As chancelerías occidentais demandaron a liberación de Navalni, quen condenou desde o cárcere a "guerra criminal" en Ucraína emprendida por Putin.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade