A Xunta fará un asesoramento personalizado a parados para que encontren traballo
A Xunta fará un asesoramento personalizado a parados para que encontren traballo
O plan de seguimento busca tamén evitar fraudes
136 novos orientadores nas oficinas de emprego acompañarán os demandantes de emprego co obxectivo de casar oferta e demanda laboral
O Consello da Xunta aprobou este mércores un programa para acompañar os demandantes de emprego co obxectivo de casar oferta e demanda laboral.
Segundo explicou Alfonso Rueda, será un programa pioneiro en España para asistir os demandantes de emprego para poñelos en contacto coas empresas que buscan traballadores.
O presidente da Xunta cifrou en 15.000 os postos de traballo que o mercado laboral demanda e que non se están cubrindo, e agarda que con este novo plan se poidan chegar a axustar o mercado laboral.
A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, explicou que no marco dese plan personalizado para a inserción laboral comezarase a citar persoas desempregadas para facer con elas un itinerario que lles permita lograr atopar un emprego.
O programa porase en marcha tras o verán con 136 novos orientadores nas oficinas de emprego. E comezarán con catro colectivos: persoas que leven máis de 5 anos no paro, os que rexeitasen oferta ou formación sen xustificación, os que non confirmasen dispoñibilidade para tres ofertas e os que non se presentasen ás citas de orientación laboral. Cada un recibirá un plan de inserción personalizado durante seis meses.
Se non cumpren coa súa parte, serán sancionados. Así Lorenzana advertía que rexeitar este plan pode derivar na apertura de expedientes e a perda da prestación de desemprego ou de subsidios vencellados á inserción sociolaboral. E é que perseguir e previr a fraude é o outro obxectivo deste programa.
A conselleira de Emprego destacou que é unha situación "anómala" o feito de que haxa 139.300 persoas anotadas nos servizos de emprego e que as empresas teñan postos de traballo vacantes.
Lorenzana, ademais, puxo en valor que este é un programa consensuado cos sindicatos UXT e CC. OO., así como coa patronal representada na Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
No Consello da Xunta tamén se aprobou destinar 70 millóns nos próximos dous anos en accións formativas destinadas a facilitar a empregabilidade dunhas 23.000 persoas.
Lei de ciencia e axudas para libros de texto e material escolar
Galicia contará cunha nova lei de ciencia. A Xunta comezou a tramitación do proxecto que espera aprobar antes de que acabe o ano. Entre as novidades do texto está eliminar cargas administrativas para acceder a axudas, impulsar a investigación pública e fomentar a transferencia de coñecemento dos laboratorios ás empresas.
O Goberno galego tamén aprobou hoxe aumentar as axudas para a compra de libros de texto e material escolar. Ata agora podían solicitar vales para material as familias con rendas de ata 6.000 euros.
Para o próximo curso, poderán beneficiarse as que teñan rendas inferiores a dez mil euros, co que prevén chegar a 130 mil alumnos. As axudas para mercar libros tamén aumentan de 240 a 270 euros como máximo. A Xunta destinará case 26 millóns de euros a esta medida.