Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta establecerá un canon para gravar liñas eléctricas de eólica mariña

A Xunta establecerá un canon para gravar liñas eléctricas de eólica mariña

As cantidades recadadas por ese gravame serían destinadas ao sector da pesca e ás zonas afectadas pola instalación desa conectividade cos parques 

G24.gal 23/03/2023 11:42 Última actualización 23/03/2023 14:51

A Xunta de Galicia ten intención de establecer un canon co que gravar a instalación das liñas eléctricas de conexión dos parques de eólica mariña con terra. Ese canon, segundo explicou este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vaise materializar na lei autonómica, xa anunciada, para que os beneficios dos recursos naturais revertan en Galicia.

Entre as novidades da lei, Rueda destacou a creación dese novo canon cuxa recadación se dedicará "ás mesmas finalidades ambientais" que o que xa existe para a eólica terrestre, aínda que centrado no sector da pesca, que é o que se vai ver afectado por esta actividade, e nas áreas afectadas pola instalación desas liñas.

O presidente da Xunta explicou que non existe a posibilidade de gravar os parques de xeración de enerxía eólica mariña cun canon como o que actualmente se aplica sobre as instalacións terrestres. Non obstante, explicou que e os servizos xurídicos da Administración galega si cren que se pode impoñer sobre as liñas de conectividade dos parques.

O que non se coñece polo momento son as cantidades que se poderían establecer como canon e cal sería a recadación final

A nova normativa, denominada de promoción de beneficios sociais e económicos que utilicen os recursos naturais de Galicia, iniciou este xoves a súa tramitación, coa saída a consulta pública, e regulará non só as instalacións de enerxías renovables, senón tamén as que supoñan concesións de auga e as explotacións mineiras.

Alfonso Rueda destacou que a riqueza dos recursos naturais "é un patrimonio de todos os galegos, non só os de hoxe, senón tamén os de mañá", polo que a súa explotación ten que ter un retorno e beneficio para a poboación.

Tamén supoñerá a creación unha sociedade mixta público-privada, coa participación da Xunta, para ser titular dos proxectos que aproveiten os recursos naturais e garantir que os beneficios da explotación se reinvisten na zona.

Rueda non especificou se a participación pública nesta sociedade será maioritaria porque é algo que está por definir, pero dixo que "canta máis capacidade de decisión poida ter a Xunta mellor" e agregou que estará aberta a outras administracións, polo que convidou a concellos e deputacións a participar.

Tamén instou o sector privado a sumarse a esta sociedade, especificando que non se trata de "grandes promotores eólicos ou financeiros", senón de incorporar pequenas e medianas empresas de zonas onde se instalen os proxectos.

A finalidade é que "non haxa vencedores ou vencidos" en función de onde se implanten as novas instalacións e que todo o conxunto de Galicia póidase beneficiar delas.

Ademais, a lei ampliará o alcance das declaracións de impacto ambiental (DIA) que precisan os proxectos para avaliar tamén o impacto socioeconómico, como a redución do prezo da electricidade a empresas e habitantes da zona, así como a participación nos investimentos locais, entre outros aspectos novos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade