Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez, medallas de Ouro de Galicia 2023
Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez, medallas de Ouro de Galicia 2023
Os galardóns, máxima distinción que concede a Xunta de Galicia, serán entregados o próximo 24 de xullo
As Medallas de Ouro de Galicia, a máxima distinción que concede a Xunta de Galicia, estarán centradas este ano no mundo da música e recoñecerán a traxectoria e labor dos cantantes Juan Pardo e Luz Casal e do gaiteiro Carlos Núñez.
Segundo destacou o presidente da Xunta Alfonso Rueda na súa comparecencia tras o Consello do Goberno galego, ao longo das últimas décadas estes tres artistas "non perderon a súa vinculación con Galicia" e todos tiveron "un papel fundamental" non só no panorama galego, senón tamén no español e no internacional.
De Juan Pardo resaltou que é "un dos emblemas" da música galega e nacional e formou parte da música na década dos 60, lembrou a súa canción "Anduriña", un tema "inmortal", e o seu disco en galego Galicia, miña nai dos dous mares", xa na década dos 70, e que estivo en activo ata este século.
Luz Casal é "unha das artistas máis destacadas", apuntou Rueda, quen lembrou que é impulsora do Festival da Luz en Boimorto (A Coruña), a súa localidade natal, e que foi nomeada comendadora das Artes de Francia e recibiu a Medalla Castelao en 2010.
O galardón tamén o recibiu Carlos Núñez, "un dos grandes embaixadores da música celta e galega cun toque innovador", apuntou Rueda, quen encomiou a fama internacional deste gaiteiro e o seu disco A irmandade das estrelas en 1996.
Os galardóns entregaranse nunha cerimonia o próximo 24 de xullo.