A Xunta pide ao Goberno negociar a transferencia de medios que permitan aplicar a lei do litoral
A Xunta pide ao Goberno negociar a transferencia de medios que permitan aplicar a lei do litoral
O Executivo galego acordou solicitar a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para que se pacte o traspaso de medios materiais e se poidan facer efectivas as competencias
O Consello da Xunta aprobou este luns solicitar a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para iniciar a negociación co Goberno central da transferencia de medios materiais e humanos que permitan que a administración galega poida asumir as competencias recollidas pola lei do litoral que recentemente foi referendada polo Tribunal Constitucional.
"Comezaría unha negociación que debería cristalizar, e esperemos que non haxa problema ao respecto, porque a sentenza do Constitucional é clara, e simplemente é agora unha cuestión de vontade política", dixo o presidente da Xunta Alfonso Rueda.
"Despois do acordo debería finalizar coa elaboración dun real decreto por parte do Goberno central que faga efectivo este traspaso", explicou Rueda.
O presidente da Xunta tamén destacou que Galicia está a recibir "moitas peticións de información doutras comunidades autónomas para facer unha normativa similar" e poder exercer as súas competencias na xestión do litoral.
Outros acordos
Por outra banda, o Consello de la Xunta aprobou dous novos nomeamentos que aínda derivan da reorganización do Goberno galego para esta lexislatura. Son a nova directora xeral de Mobilidade, Judith Fontenla, cuxo departamento pasou a integrarse na Consellería de Presidencia tras os cambios, e o director de Portos de Galicia, Juan Sanmartín.
A Xunta tamén aprobou aumentar un 70 %, ata os 50 millóns de euros, a partida para préstamos directos a empresas a través do IGAPE. Poden pedir estes préstamos empresas ou centros tecnolóxicos que necesiten cartos para investir en ampliacións, equipamentos ou en saír a outros mercados.
No Consello da Xunta tamén se acordou abrir a universidades e centros tecnolóxicos o uso do ordenador cuántico máis potente do sur de Europa, que está no Centro de Supercomputación de Galicia, en Santiago. Poderán ser institucións galegas ou do resto de España e poderán empregalo de xeito gratuíto, sempre que boten man del para proxectos de investigación.