Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Sergas tratará de sumar médicos doutras comunidades autónomas e do 061 para cubrir vacantes no verán

O Sergas tratará de sumar médicos doutras comunidades autónomas e do 061 para cubrir vacantes no verán

O Servizo Galego de Saúde tamén tratará de paliar o déficit estival co reforzo dos profesionais dos PAC, os médicos itinerantes que se despracen desde outras zonas, e co traballo dos médicos internos residentes de último ano

A Xunta ofertará 657 prazas de formación sanitaria, a maior cantidade "da historia"

G24.gal 17/06/2024 11:57 Última actualización 17/06/2024 14:47

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) afrontará o verán con medidas extraordinarias para cubrir o déficit de médicos naquelas localidades que incrementan a demanda nestes meses, e entre outras medidas tratará de sumar facultativos que habitualmente traballan no 061 e mesmo noutras comunidades autónomas

Á parte do emprego dos MIR de último ano, a Xunta quere sumar aos labores asistenciais médicos desde outras vilas onde descende a demanda e tamén desde os puntos de atención continuada (PAC).  

Así o avanzou este luns o presidente galego Alfonso Rueda ao termo da reunión do Goberno autonómico na que se avaliou un informe con esta folla de ruta para a época estival.  

A primeira medida será fomentar a "mobilidade temporal" dos facultativos a través da figura dos "médicos itinerantes". Neste punto, dixo Alfonso Rueda, espérase tamén incorporar profesionais doutras comunidades autónomas, e instou aos concellos a achegaren medidas adicionais, por exemplo, facilitar o acceso á vivenda.  

Outra das medidas será un "programa especial de apoio" en Atención Primaria que realicen os médicos do 061, co obxectivo de que poidan asistir nos puntos de atención continuada (PAC).

Neste plan inclúese tamén a incorporación dos médicos internos residentes de último ano para que cubran vacantes de forma retribuída e supervisada, para o cal, este martes abrirase a convocatoria.

Ademais, reiterarase este verán unha medida que entrou xa en vigor "hai dous veráns", tal e como explicou Rueda, que será ampliar as bolsas de médicos voluntarios para os PAC.   

A Xunta ofertará 657 prazas de formación sanitaria, a maior cantidade "da historia"

O presidente da Xunta tamén anunciou este luns que o Sergas ofertará o maior número de prazas de formación sanitaria da historia de Galicia, cun total de 657, destinadas aos profesionais sanitarios con titulación universitaria en diversas especialidades. 

Isto suporá que no exercicio 2024-2025 haberá 19 prazas máis que na convocatoria do ano anterior.

“Esta é a maior oferta que se fixo nunca”, esgrimiu o titular do Executivo galego tras o Consello da Xunta, e asegurou que o Goberno galego continúa incrementando o número de prazas ofertadas respecto da convocatoria anterior.

Ademais, segundo Rueda, a Xunta consolidará a oferta formativa das especialidades MIR  vinculadas á Atención Primaria, e tamén no que alcanza ás especialidades do ámbito da saúde mental, entre outras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade