Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta convocará 1.664 prazas de profesores para o ensino público neste 2025

A Xunta convocará 1.664 prazas de profesores para o ensino público neste 2025

Segundo anunciou o presidente da Xunta, a administración galega esgota a taxa de reposición do 120 % para poder incorporar o máximo número de mestres

G24.gal 13/01/2025 11:38 Última actualización 13/01/2025 14:20

O Consello da Xunta aprobou este luns unha nova oferta de emprego público polo que se convocan 1.664 prazas no ensino público galego neste 2025.

Dete total de prazas na OPE de Educación 1.334 serán de acceso libre e outras 230 de promoción interna.

Segundo avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a finais de xaneiro a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP dará a coñecer as datas concretas, "que como sempre serán ao comezo do verán" para que os novos docentes se poidan incorporar en setembro, cando arrinca o curso.

Rueda explicou que Galicia esgota así a taxa de reposición marcada polo Goberno central alcanzando o máximo do 120 %, que supón que por cada 100 vacantes convócanse 120.

Segundo dixo o presidente da Xunta, este é o curso escolar con máis docentes da historia de Galicia, que alcanza o terceiro posto das comunidades autónomas coa mellor ratio alumnos por profesor.

Remuda no agro

A xuntanza do Executivo galego tamén analizou a resolución das axudas dirixidas á remuda xeracional e a impulsar novas explotacións agrarias. Son en total case 46 millóns de euros.

As achegas están dirixidas principalmente aos menores de 40 anos. 320 mozos e mozas que se van facer cargo dalgunha explotación e que están nese rango de idade son a maioría dos beneficiarios destas axudas. 

Amais 133 agricultores ou gandeiros menores de 55 anos beneficiáronse tamén destas axudas.

Galicia Emprega

Amais o Consello da Xunta tamén aprobou incrementar un 9 %, ata case 20 millóns, o orzamento para o programa Galicia Emprega.

Alfonso Rueda explicou que ese incremento de orzamento reflíctese especialmente en impulsar a contratación de mulleres en sectores especialmente masculinizados.

Recursos mineiros

No marco do Plan de desenvolvemento dos dereitos mineiros de Galicia, a Xunta acordou convocar un concurso sobre 51 dereitos mineiros que estaban caducados (17 en Lugo, 17 en Pontevedra, 10 en Ourense e 7 na Coruña).

Os interesados poden solicitar permiso para estudar o potencial deses dereitos mineiros, e no caso e se cre que pode ser rendible solicitar esa explotación para pór en marcha o dereito mineiro.

O Consello da Xunta tamén acordou publicar unha orde que unificará todas as axudas para os autónomos, deste modo a través dunha única petición accederan ás distintas achegas que lle correspondan. A Xunta destinará máis de 40 millóns a cinco programas de axudas para preto de 8.700 autónomos.

Quimioterapia

Os hospitais comarcais de Cee e Barbanza van contar xa este ano con servizo de quimioterapia.  A Xunta acaba de aprobar 1,4 millóns de euros para crear nestes centros áreas de oncohematoloxía. O presidente Alfonso Rueda destaca que o obxectivo é evitar que máis dun milleiro de pacientes teñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña para recibir tratamentos de quimioterapia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade