Publicador de contidos

Publicador de contidos

A axuda do Bono Alugueiro para menores de 36 poderase pedir desde o 28 de febreiro

A axuda do Bono Alugueiro para menores de 36 poderase pedir desde o 28 de febreiro

A subvención ascende aos 250 euros para pagar o arrendamento

O Consello da Xunta aprobou a nova convocatoria das axudas da PAC, que contará cun orzamento de 244 millóns de euros

Sanidade investirá 7,3 millóns na adquisición de case 300.000 doses de sete vacinas

A Xunta acorda a creación dunha fundación para atraer investigadores de alto nivel mundial

G24.gal 17/02/2025 11:12 Última actualización 17/02/2025 16:22

O Consello da Xunta aprobou este luns destinar case 13 millóns de euros para unha nova convocatoria do Bono Alugueiro para a mocidade, que poderá solicitarse a partir do 28 de febreiro. A axuda cobrarase con carácter retroactivo, para contratos asinados dende o 1 de xaneiro, e durante un período máximo de dous anos. A Xunta destina a esta medida case 13 millóns de euros.

A axuda mensual para o pago do arrendamento chega ata os 250 euros e os seus destinatarios son persoas menores de 36 anos que non superen o límite de ingresos equivalente a tres veces o Iprem (25.200 €), segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O prezo total da renda para poder optar a esta axuda estará limitada en función da cidade ou vila onde se contrate o alugueiro de vivenda. Así, por exemplo, no caso da Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Pontevedra ese límite será de 700 euros. No caso de Lugo, Ferrol e as contornas das outras cidades estará entre 500 e 600 euros, e ata 400 euros no resto do país.

Rueda lembrou que a Xunta pon en marcha esta convocatoria en colaboración co Goberno central e censurou que o Executivo estatal "reducise á metade" os fondos que Galicia recibía no ano 2022 para este fin.

Adquisición de vacinas

O Consello da Xunta aproba un investimento de 7,3 millóns para a adquisición de case 300.000 doses de sete vacinas. Rueda defendeu que Galicia se sitúa nestes momentos cun dos calendarios de vacinación "máis completos do mundo".

As sete vacinas que se van adquirir nesta partida son a tripla vírica, o rotavirus, a poliomelite, a hepatite, a varicela, a conxunta para a difteria, tétano e tose ferina, e contra a bacteria Hib.

Axudas da PAC

A Xunta tamén aprobou na reunión deste luns unha nova convocatoria das axudas da PAC, que contarán cun orzamento de 244 millóns de euros, que beneficiarán uns 23.000 agricultores e gandeiros.

Segundo destacou o presidente da Xunta, 43 millóns de euros irán a "achegas relacionadas con actuacións ambientais ou para apoiar a propietarios de terreos, ou agricultores ou gandeiros que traballen en lugares con limitacións por cuestións naturais".

Atraer investigadores

O Goberno galego acordou ademais a creación dunha fundación para atraer investigadores de alto nivel mundial que queiran desenvolver o seu traballo en Galicia.

Rueda sinalou que o obxectivo "ata o ano 2030, se pode ser antes, atraer 30 investigadores e investigadoras, científicos de máximo prestixio internacional. A eles e aos seus equipos nas tarefas de investigación que estean desenvolvendo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade