Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta investirá 43 millóns en comprar solo e construír 20.000 vivendas protexidas

A Xunta investirá 43 millóns en comprar solo e construír 20.000 vivendas protexidas

Na primeira fase da Estratexia de Solo Residencial a Administración galega adquiriá os terreos, situados nas contornas das sete cidades e de Vilagarcía, para posteriormente pasar á segunda fase de construción desas vivendas

(Europa Press/Agostime)
G24.gal 10/06/2024 11:29 Última actualización 10/06/2024 14:58

A Xunta de Galicia aprobou este luns a Estratexia do Solo Residencial para impulsar a construción de 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres nos próximos catro anos. O Goberno galego investirá 43 millóns de euros para a compra de solo residencial onde se van facer eses pisos.

Segundo explicou o presidente galego, Alfonso Rueda, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta, o obxectivo é "seguir planificando máis alá desta lexislatura", polo que estas novas construcións serán adicionais ás 4.000 vivendas de promoción pública comprometidas para este mandato.

O primeiro paso desta estratexia foi analizar o rexistro de demandantes de vivenda protexida no que hai anotadas 17.302 persoas, do que se tira que o 90 % delas están nas sete cidades e as súas contornas, amais de Vilagarcía. De aí que a Xunta xa teña un estudo urbanístico destas zonas para comezar a primeira fase desta estratexia, que é a compra de solo residencial.

O Consello da Xunta aprobou 43 millóns de euros para a compra de solo residencial. Unha vez mercados os terreos e licitados os proxectos comezaría a fase de construción. O Goberno galego avanza que usará as ferramentas legais que ten para axilizar os trámites.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, explicou que esta medida supón "dar resposta á demanda social existente e facilitar o acceso á vivenda" e avanzou que desde mañá martes empezarase a falar cos concellos implicados, que tamén poderán participar nos desenvolvementos. 

A estratexia prevé reservar parte desas vivendas protexidas a menores de 35 anos. A Xunta estima que os pisos estean construídos nuns catro ou cinco anos.

Plan de desenvolvemento de dereitos mineiros de Galicia

O Consello da Xunta tamén aprobou a creación do primeiro Plan de desenvolvemento dos dereitos mineiros, que busca regular a extracción de minerais en Galicia, moi demandados para sectores estratéxicos como o da automoción.

Este plan servirá para actualizar os rexistros das minas e as concesións. Rueda engade que garantirá tamén que só se permitan proxectos respectuosos co medio.

Amais tras a reunión do Consello da Xunta Alfonso Rueda tamén anunciaba que o Sergas iniciará a próxima semana un programa piloto de cribado de cancro de próstata. Farase na área sanitaria de Ferrol, coa intención de estendela ás demais áreas unha vez se coñezan as conclusións desta primeira experiencia.

Convidarase a homes de entre 50 e 69 anos desta área sanitaria a facer unha proba que consiste nunha análise de sangue e en función do resultado serían remitidos a uroloxía. O cancro de próstata provoca 500 mortes en Galicia cada ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade