Constituída a comisión que investigará os contratos da Xunta con Elena Candia como presidenta
Constituída a comisión que investigará os contratos da Xunta con Elena Candia como presidenta
A oposición critica que sexa unha deputada do PP quen presida a comisión
PSdeG e BNG queren que comparezan Núñez Feijoo e Rueda e piden "transparencia, rigor e responsabilidade"
A comisión de investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica quedou constituída esta mañá no Parlamento de Galicia coa deputada do PP Elena Candia como presidenta.
Aínda que o BNG presentou como candidato á presidencia o deputado Luís Bará, a maioría parlamentaria do PPdeG fixo que non saíra elixido para este posto. Bará será o secretario da comisión cos votos do seu partido e do PSdeG, e a vicepresidencia vaina ocupar a deputada do PP Carmen Pomar, quen, do mesmo xeito que Candia, só tivo o apoio dos nove votos do seu partido.
A Comisión de investigación sobre os contratos da Xunta, creada a petición do BNG e apoiada polo PSdeG, investigará os contratos da Xunta nos últimos anos. Nacionalistas e socialistas queren que comparezan ante a cámara o ex presidente, Alberto Núñez Feijóo, e o actual mandatario autonómico, Alfonso Rueda, como "máximos responsables da xestión dos recursos públicos".
Pontón lamenta que o PP presida a comisión e avanza que emendarán as normas de funcionamento
Tanto a líder do BNG coma o secretario xeral do PSdeG lamentan que sexa o PP quen presida a comisión de investigación. Segundo Ana Pontón, o feito de que o PP non deixe o seu partido presidir esta comisión demostra que "non está tan tranquilo".
Pontón avanzou que o seu partido vai emendar as normas de funcionamento da comisión, para que as comparecencias sexan en formato pregunta e resposta, e non cunha intervención do comparecente e a réplica posterior dos grupos.
"Imos ir ata o fondo presentando un plan de traballo rigoroso", destacou a líder nacionalista. Pontón entende que "os máximos responsables da xestión dos recursos públicos teñen que vir, tanto o señor Rueda como o señor Feijóo" e considera "inescusable" a presenza deste último porque, segundo dixo, "algunhas das empresas beneficiadas" están "vinculadas co seu contorno familiar".
Besteiro pide "transparencia, rigor e responsabilidade"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediulle ao PPdeG que non "torpedee" o funcionamento da comisión de investigación e esixe "transparencia, rigor e responsabilidade política".
Besteiro explicou que o seu partido tamén pedirá as comparecencias de Rueda e Núñez Feijóo xa que ambos estaban na cúspide "da pirámide do poder", ademais dunha "lista moi ampla" de comparecentes para "explicar, xustificar e comparar as diferentes fórmulas de contratación".
Entre elas, a oposición destaca a contratación da construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo cuxa fórmula de concesión levou a un "sobrecusto" de 470 millóns de euros.
A previsión é que as normas de funcionamento da comisión poidan abordarse nun novo encontro a semana que vén, aínda que non hai convocatoria oficial, tras o que tamén habería que establecer o plan de traballo, coa lista de comparecentes.