Consumo investiga sete aeroliñas por cobrar a equipaxe de man
Consumo investiga sete aeroliñas por cobrar a equipaxe de man
A equipaxe de cabina debe estar incluída no prezo do billete, segundo a Lei de navegación aérea
O Ministerio de Consumo investiga sete aeroliñas por posibles irregularidades en canto á política de equipaxes de man e asignación de asentos. Cobrar un extra por estes conceptos podería ser ilegal.
"O regulamento europeo permite que unha empresa estableza libremente o prezo dos servizos que presta", explica Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia. Pero -aclara- existe "normativa estatal específica dende os anos 60", a Lei de navegación aérea, que establece "a obriga de transportar co prezo do billete a equipaxe da persoa usuaria".
Dende a UCGAL tamén explican os límites a ese dereito, que estableceron as sentenzas xudiciais dos que o reclamaron. Fixan unha "idea razoable" do que podes levar en cabina: "Unha maleta de ata 10 quilos, cunhas dimensións que permitan colocala nos compartimentos superiores".
Xunto a ela teriamos dereito a levar "un bolso ou mochila que poidamos colocar debaixo do asento", engade López.
O Ministerio de Consumo abriu unha investigación a sete aeroliñas de baixo custo para determinar se están incorrendo en prácticas abusivas. Na Unión de Consumidores téñeno claro: "Cobrar por este concepto, cando cumpres as condicións que marca a lei, sería unha práctica abusiva e, polo tanto, debe de ser sancionada", opina Miguel López.
As sancións poderían ir dos 10.000 euros a cantidades millonarias: nos casos máis graves contémplanse multas de ata o 4 por cento da facturación anual da aeroliña.