Consumo multa con 150 millóns catro aeroliñas de baixo custo por cobraren a equipaxe de man
Consumo multa con 150 millóns catro aeroliñas de baixo custo por cobraren a equipaxe de man
A denuncia abrangue outras prácticas como cobrar pola reserva de asento a carón de menores e dependentes ou a prohibición de pagar en metálico
Contra a sanción pode haber recurso
O Ministerio de Consumo impuxo a catro aeroliñas —Ryanair, Vueling, EasyJet e Volotea— unha multa de 150 millóns de euros por cobraren aos pasaxeiros a equipaxe de man, tras as denuncias recibidas por distintas asociacións de consumidores, ente elas FACUA, segundo adiantou a Cadena SER.
Fontes do Ministerio de Consumo confirmaron a EFE que no verán de 2023 se abriron expedientes a catro aeroliñas de baixo custo perante as denuncias recibidas para investigar prácticas consideradas abusivas.
Entre elas, figuraba cobrar un suplemento pola reserva de asentos contiguos para acompañar menores e persoas dependentes, falta de transparencia na información precontractual sobre o prezo final do servizo, cobrar un suplemento pola equipaxe de man dos pasaxeiros e non permitir o pago en metálico no aeroporto por estes ou outros servizos adicionais.
Contra a sanción pode recorrerse, e unha vez esgotada esta vía, as compañías poden acudir aos tribunais, indica a mesma fonte.
A Asociación de Liñas Aéreas (ALA), que aglutina o 85 % do tráfico aéreo en España, rexeitou a decisión de Consumo, que implica prohibir a cobranza da maleta de cabina que realizan algunhas compañías aéreas.
Nun comunicado, ALA sinala que iso prexudicará os consumidores, "ao suprimir a opción dos pasaxeiros de contratar exactamente o que necesiten".
Deste xeito, os preto de 50 millóns de pasaxeiros que hoxe en día non levan maleta de cabina a bordo e só viaxan coa equipaxe de man baixo o asento non poderían beneficiarse de pagar só polos servizos indispensables, "e estarán obrigados a contratar servizos que non utilizan".
En FACUA valoran a decisión de Consumo e lembran que os consumidores teñen dereito a reclamar a devolución destes cargos extra.
Nunha nota, a asociación de consumidores ASUFIN confía en que a sanción sirva de freo efectivo á impunidade con que as compañías desprezaban os dereitos dos consumidores; é "urxente" un cambio de conduta por parte destas compañías, que sistematicamente poñen en práctica usos que constitúen "un abuso en toda regra".