Publicador de contidos
Publicador de contidos

Corea do Norte lanza un mísil que sobrevoa O Xapón

Corea do Norte lanza un mísil que sobrevoa O Xapón

O Goberno nipón pide aos cidadáns que se refuxien baixo terra ou en edificios

É o quinto mísil lanzado por Pyongyang en dez días

Foi o mísil que percorreu unha maior distancia ata agora dos lanzados por Corea do Norte
G24.gal 04/10/2022 07:57 Última actualización 04/10/2022 11:36

Corea do Norte lanza outro mísil sobre O Xapón. É o quinto en dez días. O proxectil sobrevoou o país e impactou no Pacífico sen causar danos.

A ameaza do réxime de Pyongyang provocou a alerta do Goberno nipón, que activou por primeira vez en cinco anos as sirenas antiaéreas e pediu aos seus cidadáns que se refuxiasen baixo terra ou en edificios.

Segundo O Xapón, foi o mísil que percorreu unha maior distancia ata a data dos lanzados por Corea do Norte, cunha altura máxima de mil quilómetros e unha distancia percorrida de 4.600 quilómetros. 

O mísil con maior percorrido

O mísil, disparado desde a provincia norcoreana de Jagang, ao Norte do país, sobre as 7:23 hora local do martes (22.23 GMT do luns), alcanzou unha altura máxima de 940 quilómetros e percorreu unha distancia total de 4.500 km antes de caer en augas do Pacífico, segundo detallou o Estado Maior Conxunto surcoreano.

"Consideramos que se trata do mísil que percorreu maior distancia ata a data", dixo pola súa banda o ministro xaponés de Defensa, Yasukazu Hamada, quen engadiu que o proxectil foi a parar a un 3.200 km ao leste do arquipélago xaponés.

O Exército surcoreano estima que se tratou posiblemente dun "mísil balístico de alcance intermedio", aínda que precisou que se atopa analizando a información dispoñible cos seus aliados para tratar de determinar o tipo exacto do proxectil.

O primeiro ministro nipón, Fumio Kishida, tachou de "acto de barbarie" o novo test norcoreano, mentres que o presidente de Corea do Sur, Yoon Suk-yeol, advertiu a Pionyang de "unha resposta decidida" fronte á "imprudente provocación" do país veciño.

Ante o "constantes test norcoreanos" e os outros desafíos de seguridade que Xapón afronta na rexión, Tokio aprobou un presuposto récord de Defensa para o próximo exercicio e contempla dotarse con novas capacidades defensivas "sen descartar ningunha opción", segundo dixo o portavoz do Executivo, Hirokazu Matsuno.

Os titulares de Exteriores de Xapón e EUA, Yoshimasa Hayashi e Antony Blinken, mantiveron unha conversa telefónica tras o lanzamento, que etiquetaron como "unha ameaza grave e inminente para a seguridade do Xapón e un claro e serio desafío á comunidade internacional".

Os xefes da diplomacia de ambos os países comprometéronse ademais a "reforzar as capacidades de disuasión e resposta da alianza", na que tamén se integra Seúl, segundo informou nun comunicado o Ministerio de Exteriores xaponés. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade