Cristóbal Medeiros, novo líder de UXT-Galicia
Responsable comarcal do sindicato en Ourense, Valdeorras e Verín e traballador da BRIF de Laza, impúxose na votación ao outro candidato
Substitúe a José Antonio Gómez, que non se presentou á reelección tras dúas décadas á fronte da central
O secretario geneal de UXT, Pepe Álvarez, felicitou este xoves o novo líder dese sindicato en Galicia, Cristóbal Medeiros, que substitúe a José Antonio Gómez despois de vinte anos á fronte desa organización galega.
Álvarez compareceu ante os medios de comunicación no 14 congreso de UXT en Galicia, que se celebra nun hotel de Santiago de Compostela, acompañado de Medeiros, e destacou que haberá "cambios substanciais" co novo equipo entrante.
Así mesmo, eloxiou o labor de Gómez que dirixiu UXT en Galicia con "moita cabeza, valentía e humildade" elaborando un "traballo inmenso en momentos francamente difíciles", dixo. Gómez tivo que afrontar os efectos da crise financeira de 2008 e da pandemia de covid-19, destacou o máximo dirixente de UXT. Álvarez congratulouse de que Medeiros asuma o liderado en substitución de Gómez, tras unha elección na que concorreron dúas candidaturas.
Pola súa banda, Medeiros afirmou que aínda está "a aterrar" tras a súa elección durante a xornada de hoxe, en que Álvarez ten previsto concluír o congreso galego celebrado durante dous días, pero asegurou ter "ilusión e ganas de traballar" para "recuperar a hexemonía".
Álvarez sinalou que "non hai unha perda de protagonismo" dos sindicatos e indicou que UXT logrou de 2020 a 2024 ter unha "representación" que "creceu de 82.000 delegados electos a 107.000" en España, onde houbo unha "recuperación moi forte despois da pandemia", mentres Galicia tivo unha "recuperación máis lenta".