Culleredo homenaxea o esforzo do voluntariado na loita contra a covid–19
Culleredo homenaxea o esforzo do voluntariado na loita contra a covid–19
O Concello agradece o traballo dos colectivos que botaron unha man durante a pandemia
Non hai tanto tempo que a xente saía ás fiestras en moitas vilas galegas para agradecer a entrega do persoal sanitario e do voluntariado na loita contra o coronavirus. Dous anos despois, o Concello de Culleredo homenaxea a todos aqueles colectivos que botaron unha man de xeito desinteresado para superar o desafío que supuxo a irrupción da covid–19.
"Considerabamos que esa colaboración sen pedir nada a cambio precisaba dunha homenaxe", asegura José Ramón Rioboo Castro, alcalde do municipio.
Coa proxección dunha peza audiovisual e a entrega de distintivos, o equipo municipal recoñecía a solidariedade e todo o traballo realizado por Emerxencias, Policía Local, Protección Civil, Garda Civil e outros colectivos, empresas e particulares durante os días máis duros da pandemia.
"Agora miras cara atrás con tristeza, sobre todo polos rapaces e esa etapa da súa vida que perderon", comenta Luís Purriño, voceiro do servizo de Emerxencias de Culleredo.
Un empeño, o do voluntariado, que incluíu dende repartir máscaras e comida ata achegar tarefas escolares e, sobre todo, devolver a ilusión á xente.
"O máis emotivo do que faciamos, ademais de levarlle comida á xente maior, que o agradecían moito, era ver os nenos cando se empezou a ir coas luces, coas sirenas a algún aniversario", apunta o responsable da agrupación municipal de Protección Civil Alejandro Núñez.
"Moi emocionante, porque non o fixemos buscando algo a cambio, senón porque nos sae do corazón", sentenza Kiko Mosquera, un moteiro que participou nas tarefas de voluntariado.
Os máis de trinta mil veciños deste concello coruñés puideron comprobar, igual ca no resto de municipios galegos, que mesmo durante os peores días da covid–19 sempre tiveron quen lles botase unha man.