De presidente do Karpaty a combatente en Ucraína: "Aquí é imposible pensar no fútbol"
De presidente do Karpaty a combatente en Ucraína: "Aquí é imposible pensar no fútbol"
Oleg Smaliychuk trouxo a Galicia a xogadores como Kravets e Lebedenko
Agora colleu un fusil e está na fronte da guerra contra Rusia
Oleg Smaliychuk é un home de fútbol en Ucraína con moita relación con Galicia. É o presidente do Karpaty de Lviv, o equipo que adestrou o galego Fabri González. E el xestionou as fichaxes de Orest Lebedenko e Vasyl Kravest para o C. D. Lugo. Hoxe falaron con el na Zona mixta da Radio Galega sen que queira revelar en que lugar está porque agora é un soldado na fronte da guerra.
"Acostúmaste a estar na fronte, hai moitos coma min que senten a bandeira no corazón. A primeira semana había ringleiras para apuntarse nos centros de alistamento"
Agora, Smaliychuk cambiou o balón por unha arma. Os ataques alcanzaron Lviv e unha das bombas caeu a menos dun quilómetro da sede do Karpaty.
"Hai moitos xogadores que se apuntaron a militares ou a voluntarios para axudar á poboación civil. Convertemos as oficinas do club nun albergue para desprazados e toda a xente traballa para atender os necesitados"
Smaliychuk, xunto coa sua esposa Olena, que se trasladou a España, xestiona tamén unha ONG para conseguir axuda para Ucraína: https://futuro.com.ua/
"Ningún club ten actividade. Cos bombardeos é imposible pensar no fútbol. Estamos seguros de que imos conseguir a vitoria. O que non quero é que dentro de dez anos lles toque outra guerra aos meus fillos ou aos meus netos"