A Xunta ratifica que Galicia crecerá un 1,7 % malia o contexto de desaceleración
A Xunta ratifica que Galicia crecerá un 1,7 % malia o contexto de desaceleración
Galicia é a segunda comunidade cos tramos do IRPF máis baixos de España para as rendas medias e baixas, segundo destacou Corgos
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, ratificou as previsións económicas da Xunta de Galicia para este ano, cun crecemento do 1,7 % e un déficit do 0,3 % do PIB, pese á "difícil contorna económica" e a situación de desaceleración.
Na súa comparecencia este martes a petición propia no pleno do Parlamento para explicar o "desempeño fiscal" da Xunta en 2022, o peche do exercicio do ano pasado, asegurou que este cadro macroeconómico dos orzamentos aprobados en decembro segue "plenamente vixente", despois de recuperar xa o ano pasado o PIB prepandemia.
Corgos destacou o "rigor e a disciplina" e a "estabilidade e a planificación" como as principais características da xestión económica da Xunta, o que cre que permite que Galicia estea "en moi boa posición" para cumprir o déficit público previsto para este ano do 0,3 % do PIB, fronte ao 0,4 % do ano pasado, o que supón pasar de 243 millóns de euros a 189.
En todo caso, tamén advertiu das "incertezas" tanto na economía galega como a nivel europeo, polo que este ano haberá que facer un seguimento "continuo" dos orzamentos autonómicos e da situación económica mesmo "día a día".
Durante o ano 2023, a Xunta ten previsto consolidar as rebaixas fiscais para que Galicia se ,amteña "entre as comunidades con menor carga fiscal", dixo, despois de que a axencia tributaria autonómica recadase o ano pasado 6.033 millóns de euros, superando o 100 % das previsións.
O conselleiro afirmou que este aumento de recadación débese á "boa xestión" da Xunta, mentres que criticou que o incremento pola subida de prezos "só permanece" na Administración estatal, un 18,6 % máis, que a comunidade non recibirá ata a liquidación que se realizará en 2024.
Galicia é a segunda comunidade cos tramos do IRPF máis baixos de España para as rendas medias e baixas, segundo destacou Corgos. O responsable de Facenda destaca eses tramos do IRPF para as rendas máis modestas, pero tamén o aumento das deducións para as familias con fillos.
Do balance de 2022 destaca que Galicia conseguiu o mesmo PIB ca antes da pandemia. E dá un adianto para este 2023: cre que o paro baixará do 10 por cento, algo que non sucedeu nos últimos 15 anos.