Quedan en liberdade os presuntos secuestradores dun menor en Burela
Quedan en liberdade os presuntos secuestradores dun menor en Burela
A xuíza impúxolles a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima
Unha débeda por un asunto de drogas podería ser o móbil do secuestro
Ademais dos detidos podería haber outras dúas persoas implicadas no rapto
A xuíza decretou a posta en liberdade dos dous detidos, un home e unha muller, acusados do secuestro dun menor dun menor de 16 anos na madrugada do domingo ao luns en Burela, e ao que liberaron horas despois ao verse acurralados pola Garda Civil.
O Ministerio Fiscal non pediu a prisión, polo que a xuíza tampouco podía decretala. Co obxectivo de protexer tanto ao menor como á súa nai, a xuíza impúxolles a prohibición de aproximarse e de comunicarse con eles por calquera medio. Ambos están investigados por un delito de detención ilegal
Esta mañá pasaban a disposición xudicial. Son unha muller veciña de Burela e un home, que chegaban aos xulgados de Viveiro para seren interrogados pola xuíza.
Ás portas do xulgado antes de declarar tamén ante a xuíza, Aziz, un home marroquí, que convive coa nai do rapaz, confirmaba que os raptores o buscaban a el para reclamarlle unha débeda por un asunto de drogas. Como non estaba e querían esperalo, foi o menor o que lles propuxo que o levasen a el como garante e refén. Durante o rapto ordenáronlle que chamase a súa nai para que lles entregase 7.000 euros. O home di que só lles debía 150.
A Garda Civil segue coa investigación porque podería haber outras dúas persoas implicadas no secuestro. No xulgado declararon hoxe, ademais dos detidos, a vítima do secuestro e súa nai, Aziz e varias testemuñas que presenciaron o secuestro.