Decretan a posta en liberdade do profesor de Lugo investigado por abusos a varias alumnas
Decretan a posta en liberdade do profesor de Lugo investigado por abusos a varias alumnas
A xuíza estima que "non parece xustificado manter a medida cautelar de prisión preventiva"
A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo decretou a posta en liberdade do profesor do CEIP Albeiros de Lugo investigado por presuntas agresións sexuais a varias alumnas.
Segundo informaron fontes xudiciais, a xuíza explica no auto que, tras a recepción dos informes periciais pendentes sobre a credibilidade do testemuño das menores, "non parece xustificado o mantemento da medida cautelar de prisión provisional inicialmente acordada". Na resolución sinala que o risco de fuxida "non concorre agora coa intensidade esixible" debido á "menor consistencia do soporte indiciario de criminalidade".
Tamén subliña que "non existe, tampouco, risco de alteración, ocultación ou destrución de fontes de proba" e destaca que "a integridade das presuntas vítimas atópase suficientemente salvagardada coas medidas cautelares impostas que polo momento se deixan vixentes". O auto non é firme, pois contra el cabe interpoñer recurso.
A detención foi no mes de maio
En concreto, a finais do pasado mes de maio, o Xulgado de Instrución número 1 de Lugo decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para o profesor detido como presunto autor dun delito continuado de agresión sexual a polo menos oito das súas alumnas con idades comprendidas entre os oito e os dez anos.
Tras pasar dúas noites no calabozo e tras unha longa comparecencia ante a xuíza, a titular do Xulgado de Instrución número 1 acordou a prisión provisional do investigado.