Publicador de contidos
Publicador de contidos

O papa exíselles aos bispos: "Non encubran os abusos! Condenen os abusadores"

O papa exíselles aos bispos: "Non encubran os abusos! Condenen os abusadores"

O Pontífice pide que se xulgue o maltratador, "sexa laico, laica, sacerdote ou bispo"

REUTERS/Guglielmo Mangiapane REUTERS/Guglielmo Mangiapane
G24.gal 29/09/2024 12:08 Última actualización 29/09/2024 12:32

O papa Francisco esixiulles aos bispos "que non cubran os abusos" e "que se xulgue os abusadores" durante a misa que celebrou este domingo no estadio rei Balduíno de Bruxelas ante unhas 30.000 persoas.

Afirmou que na reunión que mantivo con vítimas infantís de abuso en Bruxelas, sentiu "o sufrimento" e destacou, nunha improvisación na homilía, que na Igrexa "non hai lugar para os abusos, nin para cubrir os abusos".

"Pensamos no que ocorre cando os pequenos son escandalizados, feridos, maltratados por quen debería coidalos, nas feridas de dor e impotencia en primeiro lugar nas vítimas, pero tamén nas súas familias e na comunidade", agregou.

O pontífice quixo volver ás historias dalgunhas das persoas que coñeceu nese encontro "coa mente e co corazón".

"Escoiteinos, sentín o seu sufrimento como abusados e repítoo aquí. Na Igrexa hai lugar para todos, todos, pero todos serán xulgados e non hai lugar para o abuso, non hai lugar para encubrir o abuso. Pídolles a todos: Non encubrades os abusos! Pídolles aos bispos: Non encubran os abusos! Condenade os abusadores e axudádelles a curar esta enfermidade do abuso", agregou.

Neste duro discurso en Bélxica, aínda sacudido polos centos de casos de menores vítimas de abusos por membros da Igrexa, aseverou que "o mal non se pode ocultar".

"O mal haino que sacar á luz, que se saiba, como fixeron algúns abusadores, e con valentía (...). E que se xulgue o maltratador. Que se xulgue o abusador, sexa laico, laica, sacerdote ou bispo: que sexa xulgado", engadiu o Papa que recibiu na nunciatura 17 vítimas belgas.

Á súa chegada, Francisco percorreu o estadio en papamóbil entre o entusiasmo das persoas presentes, sobre todo da mocidade colocada ao bordo do percorrido.

Medra a secularización

Segundo as estatísticas da Igrexa, pouco máis do 40 % da poboación belga considéranse católica, as persoas que van a misa os domingos baixaron considerablemente e non chegan ao 10 % e, coma no resto de Europa, medra a secularización.

Na misa á que asistiron os reis Filipe e Matilde, e varios membros da familia real, o Papa tamén convidou a rexeitar o egoísmo, "que, coma todo o que impide a caridade, é escandaloso porque esmaga os pequenos, humillando a dignidade das persoas e sufocando o clamor dos pobres".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade