Deixan bocadillos nunha marquesiña dos Castros para as persoas que o necesiten
Deixan bocadillos nunha marquesiña dos Castros para as persoas que o necesiten
Trátase dunha acción solidaria que se repite dende hai meses
Ninguén sabe quen está detrás desta desinteresada axuda
No banco dunha marquesiña dos Castros apareceron, ao caer a tarde, cinco bocadillos perfectamente envoltos.
"Deixáronos para quen os necesite. Supoño que sempre os collerán os mesmos".
Trátase dunha acción solidaria que se repite dende hai meses segundo manifestan os veciños.
"Paréceme unha acción que hai que destacar porque estamos nunha sociedade moi egoísta". E por iso é aplaudida por moitos do barrio. "Paréceme moi ben porque hai xente que o necesita". "O importante é que quen o necesite poida comer".
Ninguén sabe quen está detrás desta desinteresada axuda, pero din que iso é o de menos. "O importante é o que fai, se non quere descubrirse... iso tamén demostra que non quere destacar polo feito".
Agora, a marquesiña dos Castros volve estar na boca de todos. Agora é polos bocadillos misteriosos, pero é que hai xusto un ano xa se falara dela porque aquí instalouse unha pantalla intelixente que amosa en tempo real as diferentes liñas de autobuses urbanos e outros asuntos de interese.
É unha marquesiña que se presta a todo. Hai dous anos xa fora coñecida por ser a marquesiña do amor. "Un mozo, por San Valentín, deixáralle unha mensaxe á súa parella, que collía aquí o bus". Así que seguro que pronto protagonizará un novo e enigmático capítulo.