Continúan as mostras de solidariedade desde Galicia cos damnificados pola DINA
Continúan as mostras de solidariedade desde Galicia cos damnificados pola DINA
Empresas e institucións de distintas cidades e localidades galegas seguen a enviar persoal ou axudas a Valencia
A solidariedade cos damnificados pola DINA no Levante continúa percorrendo España. Tamén Galicia. Esta mesma mañá máis de cen persoas participaron nunha viaxe soldiaria ás Illas Cíes desde Vigo.
A navieira Piratas de Nabia, unha das que opera a liña regular Vigo-Cíes, sumouse á serie de iniciativas solidarias que levamos vendo e contándolles en Galicia desde o día seguinte á traxedia. O cento por cento do custe de cada billete desta pasaxe de máis de cen viaxeiros irá directamente a unha conta para as vítimas da catástrofe.
A empresa Nabia impactada polas imaxes de desolación das vítimas tivo claro que quería colaborar coa causa. Os turistas cos que falamos, moitos de fóra de Galicia, amosábanse tamén emocionados e agradecidos por poder axudar.
Piratas de Nabia decidiu doar todo o recadado nesta viaxe a Cíes para os damnificados da DINA no levante español.
"En canto ocorreu o accidente de Valencia decidimos xa facer algo por eles. Había que facer algo. Entón pensamos que podiamos facer unha viaxe coma esta, onde todo o mundo puidese participar. Os billetes van integramente para os damnificados pola DINA", conta Anabel Fernández, unha das guías turísticas de Piratas de Nabia.
En Betanzos, e seguimos falando de solidariedade galega, seis bombeiros do Consorcio Provincial da Coruña xa viaxan rumbo a Valencia.
"Xa temos feito o cadro de persoal para todo o mes de novembro, temos xente para mandar en quendas de seis traballadores. E se a cousa segue hai voluntarios tamén para o mes de decembro. E incluso para o mes de xaneiro", explica a TVG Jose Luis Barca, o xerente do consorcio provincial de Bombeiros da Coruña.
Pertencen aos parques das Pontes, Betanzos e Carballo, son voluntarios que fan uso das súas vacacións e días libres e relevarán a unha dotación galega de cinco persoas. En principio traballarán na zona de Picaña, unha das máis afectadas pola DINA, seis días, e logo serán substituídos por outros voluntarios do consorcio.