Valencia busca recuperar a actividade dúas semanas despois da DINA
Valencia busca recuperar a actividade dúas semanas despois da DINA
Este xoves reabrirase a totalidade da autovía A-7 e recupéranse os servizos de alta velocidade entre Madrid e Valencia
Valencia volve mirar o ceo cando fai dúas semanas da DINA que levou por diante a vida diaria de 75 municipios. A prioridade dos equipos de traballo está na retirada dos lodos ante a previsión de novas chuvias.
"Imos analiza a situación meteorolóxica e os labores de reconstrución. Temos unha prioridade que é o desatasco da rede de sumidoiros", explica Carlos Mazón, presidente da Generalitat Valenciana.
Da evolución do tempo están pendentes tamén os técnicos, que apuran os traballos para reabrir a autovía A-7 a través dun bypass que facilitará a mobilidade na contorna da cidade de Valencia. "A nosa intención é abrila o xoves. Pero estamos a expensas da situación meteorolóxica", di Óscar Puente, ministro de Transportes.
Este xoves tamén está previsto que se recupere a totalidade de servizos de alta velocidade entre Madrid e Valencia. Mentres, nos lugares máis afectados polos estragos da auga comeza a tramitación das axudas habilitadas polas administracións. É o caso de Chiva, onde será necesario derrubar vivendas ante o estado de ruína en que quedaron.
O Concello habilitou unha oficina única que se encarga da tramitación das distintas liñas de axuda. "Revísase se está a documentación completa. Pídense escrituras, datos bancarios", explica María Verdú, técnica da oficina.
Axudas que tamén comezan a chegar ao sector agrario. A prioridade é recoller as colleitas que aínda se poden salvar e asegurar o futuro das explotacións con liquidez para agricultores e gandeiros.
"Estaba en plena produción a campaña do caqui e dos cítricos. Temos que intentar salvar o que se poida desta campaña e asegurar a permanencia de futuro", defende Luis Planas, Ministro de Agricultura.
"Xa está asinada a orde de 20 millóns de euros para camiños rurais. Par poder acceder ás explotacións agrícolas e gandeiras que son moi urxentes na zona", di Carlos Mazón.
A actualización dos datos diarios manteñen en 214 as persoas falecidas na Comunidade Valenciana. Hai 23 desaparecidos e 3 corpos aínda por identificar.