Publicador de contidos
Publicador de contidos

A sorte do Deportivo en Riazor cambia con Gilsanz (1-0)

A sorte do Deportivo en Riazor cambia con Gilsanz (1-0)

Golazo de Mario Soriano no primeiro minuto do engadido

Yeremay foi titular e Mella gozou das mellores ocasións para marcar

G24.gal 11/11/2024 21:20 Última actualización 11/11/2024 22:24

O Deportivo gañou por 1-0 ao Éibar cun gol do exeibarrés Mario Soriano no tempo engadido. Os dous equipos tiveron ocasións e argumentos para o triunfo nun partido moi parello. Ao final xogou Yeremay, que foi titular e completou os noventa minutos antes de marchar o martes coa sub-21. 

A velocidade de David Mella foi o principal argumento do Deportivo no primeiro tempo. O de Teo gozou de dúas ocasións moi claras que perdoou man a man con Magunagoitia. 

Na estrea de Gilsanz en Riazor o equipo estivo na mesma liña que con Idiakez. Xerando boas ocasións pero sen efectividade. Barbero, Soriano e Yeremay tamén tiveron disparos a porta que non acabaron en gol. O Éibar puido adiantarse na última xogada antes do descanso cun remate de Pascual que atopou a parada de Helton.  

O segundo tempo comezou cun par de aparicións de Yeremay, que buscou a conexión con Barbero. Pero foi o Éibar o que gozou de dúas moi claras. Nolaskoain atopou outra gran resposta de Helton Leite e Puertas estrelou unha cabezada contra o pau (estaba en fóra de xogo). O partido converteuse nun carrusel de oportunidades. Barbero rematou co ombreiro rozando o traveseiro, Pascual rematou alto por pouco e Mella caeu na área diante de Arrillaga pero o árbitro non considerou que o empurrón fose dabondo. 

Quedaba unha para Lucas Pérez, que rematou de cabeza alto por moi pouco. O partido entraba no engadido, no que só se concederon tres minutos. Pero no 91 Mario Soriano recibiu na frontal, fixo oco e lanzou un tremendo disparo que entrou pola escuadra. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade