Desactivan dous narcopisos e deteñen os responsables no barrio vigués do Calvario
Desactivan dous narcopisos e deteñen os responsables no barrio vigués do Calvario
Os detidos elaboraban e vendían droga no interior dos inmobles
As queixas veciñais orixinaron a investigación desta operación da Policía Nacional
Axentes da Udyco, axudados pola Unidade de Intervención Especial, rexistraron os inmobles ubicados no barrio vigués do Calvario e detiveron os supostos responsables de elaborar e vender neles heroína, cocaína e haxix. A investigación comezou hai tres meses e foi motivada en boa parte polas queixas veciñais.
"Sinto alegría porque se desactivara todo e atoparan algo. Levamos moitos anos loitando con isto, o movemento de xente é constante e con pelexas. Nunca atoparan nada, a ver se agora por fin o tema se soluciona".
"Eu teño o interfono desconectado desde hai tempo, chamaban a todas horas durante a madrugada. É constante o trasfego de xente no portal, xente durmida nas escaleiras, e teñen cagado e mexado dentro", din dúas veciñas do narcopiso da rúa Numancia.
Na investigación incautáronse de diversas cantidades de droga a compradores. Interviñéronse tamén básculas, forniños e moldes para cociñar estupefacientes, unha pistola de aire comprimido e 1.500 euros en efectivo.
Coa operación, a policía dá por desactivados os dous narcopisos. Unha nova recibida con alivio, pero tamén con certo escepticismo entre os veciños.
"Dou grazas ao ceo de que se arranxara o problema, se é que se arranxou, porque ao mellor sóltano e regresa", comenta unha veciña.
Agardan que, tras a intervención, a tranquilidade regrese definitivamente á comunidade de veciños deste céntrico barrio vigués.