Desaparecen os zapateiros pola fala de remuda xeracional
Desaparecen os zapateiros pola fala de remuda xeracional
Os máis veteranos non atopan mozos aos que ensinar e deixar os negocios
Os traballos tradicionais están a piques de desaparecer pola falta de remuda xeracional. Oficios como o de zapateiro que subsisten grazas á paixón de quen aprendeu cun mestre artesán, coma este que atopamos en Vigo.
Yago comparte nome co zapateiro do que herdou oficio e negocio. É un dos poucos que resisten nun sector que pecha negocios cada día pola falta de remuda xeracional. E non é por falta de traballo. "Séguense a arranxar moitos zapatos que tiñas gardados de hai vinte anos, porque antes fabricábase moito mellor que agora. Agora falamos moito da reciclaxe, pero as peles e as gomas non son como eran antes, as calidades non son as mesmas", conta Yago Collazo, que está agora á fronte dun negocio que xurdiu hai mais de corenta anos.
Entre os clientes do negocio, Zapatería Bon Yago, non hai máis que boas palabras: "Supervalorable, non ao cen por cento, senón ao mil por mil o traballo destes homes... ou mulleres. O zapateiro é para min marabilloso". "Para min son indispensables totalmente, non se pode estar tirando os zapatos, hai que aproveitalos e arranxalos, para iso están eles".
Un oficio que está a piques de desaparecer e que na rúa defenden: "Non é que non poida, é que non debe desaparecer, nin este nin os demais". "Botarémolos en falta cando queiramos arranxar un zapato. Porque pásame a min, eu aproveito un zapato como Deus manda, pero hai xente que non, porque non lle paga a pena".
Yago fai copias de chaves e mandos de garaxe, arranxa teléfonos e mesmo os veciños do barrio lle traen electrodomésticos para que os repare. Malia que a moda de consumo rápido é un feito, traballo non falta. "Hoxe en día moita xente merca por Internet, a foto é moi bonita, pero cando chegan a poñelo, tes que adaptalos ao cliente".
Un artesán amante da música que puxo un karaoke durante a pandemia para amenizar as esperas e agora canta de cando en vez.