Desarticulada na Coruña unha banda dedicada a recrutar mulas económicas para estafas tecnolóxicas
Desarticulada na Coruña unha banda dedicada a recrutar mulas económicas para estafas tecnolóxicas
Os beneficios obtidos nas estafas ascenden a 56.377 euros
Os criminais utilizaban contas bancarias denominadas "contas ponte", abertas con datos persoais facilitados polas "mulas económicas"
O Equipo contra a Ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña desarticulou un grupo criminal asentado na cidade que se dedicaba á captación de "mulas económicas" para o branqueo de capitais procedentes de diversos delitos de estafa tecnolóxica.
Entre estes delitos inclúense hackeos de contas de WhatsApp, fraudes en compravenda de vehículos, 'vishing' e 'smishing' bancario, ademais da actual estafa do fillo en apuros.
Os feitos englóbanse dentro da operación Amurart, rematando coa detención de tres persoas e a investigación doutras catro nas localidades de Coruña, Arteixo, Muros e Negreira. Aos implicados impútanselles delitos de estafa, branqueo de capitais, falsidade documental e pertenza a grupo criminal.
Segundo relata a Garda Civil, o grupo tiña como obxectivo principal a comisión reiterada de estafas tecnolóxicas para obter beneficios ilícitos que, posteriormente, eran branqueados mediante "unha complexa trama financeira". No período investigado, os beneficios obtidos ascenden a 56.377 euros.
Os criminais empregaban contas bancarias, denominadas contas ponte, abertas con datos persoais facilitados polas "mulas económicas". Estas persoas entregaban a súa documentación e contas bancaria a cambio dunha compensación económica. Nalgúns casos seguían empregando as súas tarxetas e contas, mentres que noutros cedían todo o control aos líderes do grupo.
Entre os detidos, destacan os dous principais recrutadores de mulas, de 23 e 31 anos, que contan con numerosos antecedentes por delitos similares noutras provincias e foron vinculados a outras operacións de estafa realizadas na Coruña.
Criminais no ámbito nacional
A investigación iniciouse tras a denuncia de varias vítimas en diferentes puntos do territorio nacional, como Cáceres, Málaga, Cantabria, Zamora ou A Coruña, entre outros. Estas estafas xeraron un total de 60.377 euros.
Durante as primeiras detencións, constatouse que as mulas económicas facilitaran voluntariamente a súa documentación persoal a cambio de diñeiro a unha parella de coñecidos da súa contorna social, que posteriormente utilizaban estes datos para crear contas bancarias.
O diñeiro das estafas era transferido a estas contas, retirado en caixeiros ou desviado a outras contas ponte, dificultando o labor policial de identificación dos autores materiais das fraudes.
A operación continúa aberta e céntrase agora en identificar os chanzos superiores da organización, responsables materiais dos delitos de estafa tecnolóxica.