Baixan as hospitalizacións pola covid e a incidencia nos maiores de 60 anos
Baixan as hospitalizacións pola covid e a incidencia nos maiores de 60 anos
Rexístrase a cifra máis baixa de hospitalizacións do mes de maio
Este sábado notificáronse dez falecementos de persoas contaxiadas
Os datos proporcionados pola Consellería de Sanidade amosan un descenso de hospitalizacións nestes últimos días, e a cifra deste sábado, 610 en total, é a máis baixa do mes de maio.
Os ingresados en planta están por debaixo dos 600 despois dun mes superando ese dato e hai cinco pacientes críticos menos ca onte nas UCI, aínda que nestas unidades seguimos por enriba dos 20.
A Coruña continúa sendo a área de maior presión, tanto nas unidades de coidados intensivos, con 8 pacientes, como en planta, con 145.
O número de vítimas con covid aumentou nas últimas horas con 10 falecidos e no que vai de mes en Galicia rexistráronse 129 mortes. Os expertos insisten en que a cifra segue sendo alta mentres o virus circula e Juan García, virólogo no CHUO, compara os datos cos da gripe a nivel estatal:
"O mes pasado morreron en España 3.600 persoas. Nun ano epidemiolóxico de gripe morren entre 5.000 e 6.000 persoas ao ano. Estámolos concentrando nun mes e polo tanto hai que ter moito coidado. Como dicimos nós, un virus circulante é un virus infectante".
A incidencia acumulada nos últimos 14 días en maiores de 60 anos descende con respecto á semana pasada aos 1.026 casos por cada 100.000 habitantes desta idade. Segue por enriba da media estatal que non chega aos 850 casos.
A cifra de pacientes con infección activa notificados supera os 11.600. En canto aos contaxios, hai 1018 casos novos de persoas de risco en seguimento médico.