Descobren un lago subterráneo no Courel, dentro da cova máis profunda do país
Descobren un lago subterráneo no Courel, dentro da cova máis profunda do país
Uns 40 espeleólogos exploraron máis de dous quilómetros de galerías na sima de Aradelas
Ata esta campaña, apenas se coñecían 300 metros de cavidades na gruta courelá
Un equipo duns corenta espeleólogos estivo a explorar a cova de Aradelas, situada en Folgoso do Courel e considerada a máis profunda de Galicia. Estudaron máis de dous quilómetros de galerías, cando ata o de agora apenas se coñecían 300 metros.
O seu principal achado é un lago subterráneo de máis 30 metros de lonxitude e de augas cor turquesa, que bautizaron co nome de Hydra.
Carlos Ares, espeleólogo: "É un lago que está como colgado no perfil vertical que nós facemos da cova, cuxa cor é produto das luces. No xeoparque habería uns seis quilómetros de cavidades exploradas, aos que se suman outros catro na última década".
Nas exploracións participaron espeleólogos de nove clubs galegos e dous asturianos, que contaron co apoio dos veciños da aldea de Campelo e do Xeoparque Montañas do Courel.
O seu labor permitiu tamén descubrir espectaculares formacións calcarias nunca vistas, ademais dunha nova entrada a unha sima con máis de 140 metros de profundidade.
Inma Pumariño, espeleóloga: "Presentaremos o resultado do traballo o 9 de novembro, nas xornadas xeolóxicas do xeoparque. Ademais da presentación, haberá unha visita guiada a outra das covas".
A cova de Aradelas fora recoñecida por vez primeira a comezos dos anos 70. Dende entón, non deixou de ser cartografada, e nela aínda quedan por descubrir moitos metros de galerías inexploradas.