Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desenterran os ósos da balea que apareceu morta en Balarés para a súa conservación

Desenterran os ósos da balea que apareceu morta en Balarés para a súa conservación

Os restos da balea estiveron soterrados nun sarcófago especial. Agora retíranos, límpanos e clasifícanos

Os traballos teñen dúas finalidades, unha científica e outra divulgativa

Traballos de conservación dos restos da balea en Ponteceso
G24.gal 07/07/2022 14:05

Retiran os ósos, lávanos e clasifícanos. Parece doado, pero é un proceso delicado porque son pezas fráxiles que cómpre conservar no mellor estado posible. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) encárgase de dirixir estes traballos de recuperación dos restos da balea que apareceu varada na praia de Balarés e que permaneceu soterrada nun sarcófago especial de area.

"Retirouse a parte máis grosa cunha maquinaria e logo entraron os equipos peza por peza liberando arredor para non forzar e agora estamos coa limpeza e a clasificación", segundo conta Alfredo López, biólogo da CEMMA.

Limpan os ósos da balea e clasifícanos

Limpan os ósos cunha hidrolimpadora e logo con deterxente e unha vasoira. Despois, miden e clasifican as pezas.

 "Así imos facer un libriño clasificatorio con todas as pezas e haberá un informe de todo o esqueleto para estudar a recomposición".

Hai dúas finalidades: unha científica e outra divulgativa

Estes traballos teñen dúas finalidades, unha científica, mesmo sobre as causas da morte, e outra parte expositiva, divulgativa.

"Haberá que analizar en que lugar se instala e de que maneira. Pouco a pouco porque hai que buscar o financiamento, pero a intención do Concello é que forme parte dos seus propios recursos".

Primeiro terán que rematar esta fase, que, segundo contan, vai bastante ben, logo deixar os ósos a secar durante o verán, antes da posible recomposición do esqueleto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade