Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen uns 1.200 bolsonaristas no desaloxo do seu campamento en Brasilia

Deteñen uns 1.200 bolsonaristas no desaloxo do seu campamento en Brasilia

O Tribunal Supremo ordenou desaloxar todos os campamentos instalados por partidarios de Bolsonaro en todo o país

Lula reuniu o gabinete no seu despacho, o único lugar sen atacar polos bolsonaristas

Acusa a Bolsonaro de "estimular" o asalto e este nega calquera responsabilidade

Desaloxo do campamento bolsonarista de Brasilia
G24.gal 09/01/2023 13:03 Última actualización 09/01/2023 15:14

Polo menos 1.200 bolsonaristas foron detidos este luns no campamento que montaran fronte ao cuartel xeral do Exército en Brasília desde as eleccións de outubro e desde o que foron lanzados os ataques do domingo contra as sedes dos tres poderes no Brasil.

Os seguidores do expresidente Jair Bolsonaro, que non recoñecen a vitoria do líder progresista Luiz Inácio Lula da Silva nas eleccións presidenciais, foron detidos despois de que, cercados pola policía e o Exército, desmontasen pacificamente o campamento en que se refuxiaban.

Segundo o Ministerio de Xustiza, os bolsonaristas detidos foron conducidos en polo menos 40 autobuses ata a sede da Policía Federal, onde serán identificados para tentar establecer se participaron nos ataques violentos do domingo e fichados por se nun futuro xorden probas na súa contra.

300 detidos máis este domingo

Tan só permanecerán arrestados os que sexan sinalados como participantes no asalto e os que teñan algún indicio na súa contra. Sumaranse ás preto de 300 persoas que foron detidas o domingo pola súa responsabilidade nos ataques.

O desaloxo foi pacífico e produciuse despois de que o maxistrado Alexandre de Moraes, un dos once membros da Corte Suprema, ordenase o desmonte de todos os campamentos montados por bolsonaristas fronte a cuarteis militares do país e desde o que defendían un golpe de estado en Brasil contra Lula.

Moraes, responsable por varias das investigacións contra Bolsonaro e os seus seguidores por ataques á democracia, ordenou que os ocupantes dos campamentos "sexan detidos en flagrante pola práctica de diferentes crimes".

O campamento dos radicais en Brasilia, montado hai máis de 70 días, desde que Lula se impuxo na segunda volta das presidenciais, serviu de base para os manifestantes que invadiron o domingo as sedes dos tres poderes do Brasil e foi o lugar ao que regresaron tras o seu fracasado intento de forzar un golpe de estado.

Orde de desaloxo e evacuación pacífica

Axentes da Policía Militarizada de Brasilia, reforzados por tropas do Exército, bloquearon os accesos ao campamento á primeira hora deste luns para impedir a chegada de máis manifestantes e ordenaron o desaloxo pacífico dos que permanecían no lugar.

Sen a necesidade do uso da forza por parte das autoridades, os seguidores do expresidente Jair Bolsonaro, quen negou calquera responsabilidade nos actos destas persoascomezaron a recoller as súas pertenzas e a abandonar o lugar.

En só media hora, no campamento tan só quedaron as carpas e algunhas infraestruturas abandonadas, así como un puñado de manifestantes que se apresuraban para recoller colchóns e outros utensilios.

Había uns 200 radicais no campamento fronte ao cuartel xeral do Exército. Pero o sábado o número saltou a preto de 3.000, logo de que os bolsonaristas convocasen a manifestación do domingo en Brasilia, que terminou en caos e no ataque ás institucións.

Ante o caos xerado polo asalto ás edificacións públicas, Lula decretou a intervención federal da área de seguridade de Brasilia ata o próximo 31 de xaneiro, co que as policías rexionais estarán baixo control do Goberno federal.

O asalto ao Congreso, a Presidencia e o Supremo resolveuse despois de catro horas e media de desconcerto, cando axentes antidisturbios cargaron e lanzaron gases lacrimóxenos contra os exaltados que estaban dentro e fóra dos edificios dos tres poderes, nuns ataques que foron amplamente condenados por todas as institucións do Brasil e pola comunidade internacional. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade