Deteñen en Vigo un inspector xefe da policía por vínculos co narcotráfico
Deteñen en Vigo un inspector xefe da policía por vínculos co narcotráfico
Os axentes da Policía Nacional levárono ata o seu domicilio, onde practicaron un rexistro, e despois foi trasladado ata o Xulgado de Instrución número 7 de Murcia, que é o que leva a causa
O titular do xulgado decretou a súa posta en liberdade provisional, sen pasaporte e coa abriga de comparecer en sede xudicial cada 15 días
Axentes da unidade de Asuntos Internos da Policía Nacional detiveron este sábado en Vigo un inspector xefe polos seus presuntos vínculos co narcotráfico que quedou en liberdade provisoria este martes. Este home estaba vencellado ao Greco Galicia onde levaba dúas décadas e participara en importantes detencións, unha de elas a incautación de máis de tres toneladas de cocaína no remolcador MV Karar.
Ao parecer estaría relacionado coa operación desenvolvida pola Unidade de Asuntos Internos e que desembocou a finais do pasado mes de febreiro no arresto do xefe do grupo de estupefacientes en Murcia.
O inspector xefe quedou en liberdade provisoria, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Murcia, coa prohibición de saír do territorio nacional e a obriga de comparecer periodicamente en sede xudicial.
O procedemento está aberto polos presuntos delitos de pertenza a organización criminal, contra a saúde pública, suborno, branqueo de capitais, omisión do deber de perseguir delitos e revelación de segredos.
Cronoloxía da operación de Asuntos Internos
A Unidade de Asuntos Internos detivo o pasado mes de febreiro ao xefe do grupo de estupefacientes da Xefatura Superior de Policía Nacional de Murcia no marco dunha operación dirixida polo Xulgado de Instrución número 7 da capital murciana, segundo informaron fontes próximas á investigación. A detención produciuse por axentes desprazados desde Madrid e o axente arrestado pasou a disposición xudicial o pasado 22 de febreiro.
O Xulgado de Instrución número 7 de Murcia enviou a prisión provisional ao xefe do grupo de estupefacientes da Xefatura Superior de Policía Nacional de Murcia e a outro dos investigados no marco desta operación contra o tráfico de drogas. O xulgado deixou en liberdade os catro investigados restantes, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Murcia.
O xulgado ordenou varias entradas e rexistros nos partidos xudiciais de Murcia, Molina de Segura e San Javier, no marco dun procedemento xudicial declarado secreto no que se investigan actividades relacionadas co tráfico de drogas.
O detido levaba un ano destinado na Embaixada de España en Colombia como agregado do Ministerio do Interior para favorecer as relacións internacionais na loito contra o narcotráfico. O sábado chegaba ao aeroporto de Peinador procedente de América e foi cando o detiveron.
Os axentes da Policía Nacional levárono ata o seu domicilio onde practicaron un rexistro e despois foi trasladado ata o xulgado de Instrución número 7 de Murcia, que é o que leva a causa. O titular do xulgado decretou o a súa posta en liberdade provisional, sen pasaporte e coa abriga de comparecer en sede xudicial cada 15 días.