Publicador de contidos
Publicador de contidos

A exdirixente escocesa Nicola Sturgeon queda en liberdade sen cargos

A exdirixente escocesa Nicola Sturgeon queda en liberdade sen cargos

Fora arrestada no marco da operación Branchform que investiga unha suposta fraude nas finanzas do SNP

A exmandataria escocesa Nicola Sturgeon A exmandataria escocesa Nicola Sturgeon
G24.gal 11/06/2023 17:45 Última actualización 11/06/2023 19:17

A exministra principal escocesa Nicola Sturgeon quedou en liberdade sen cargos tras ser arrestada horas antes e interrogada, en relación a unha investigación sobre o financiamento do Partido Nacional Escocés (SNP).

Nun comunicado, as forzas de seguridade fixeron pública a detención da muller, de 52 anos, que permaneceu baixo custodia durante seis horas para ser sometida ás preguntas dos investigadores.

O marido de Sturgeon, Peter Murrell, xa fora detido en abril e posteriormente posto en liberdade, dentro do mesmo caso, coñecido como operación Branchform, aberto desde o verán de 2021.

A investigación

As pescudas teñen como obxectivo aclarar o destino de 600.000 libras (680.000 euros) que o Partido Nacional Escocés recadou en doazóns co fin último de preparar o camiño para convocar un novo referendo sobre a independencia de Escocia.

Segundo revelan os medios, a investigación céntrase na procedencia de polo menos 400.000 libras (455.000 euros) daquel montante que, segundo o diario escocés Daily Record, non se declararon á Comisión Electoral ao ser recadadas, senón con bastante posterioridade.

"Nicola dixo de maneira consistente que cooperaría coa investigación se así llo pedían e continúao mantendo", afirmou hoxe o seu portavoz.

Sturgeon dimitiu a mediados de febreiro, tras máis de sete anos á fronte do Goberno escocés (2014-2023), alegando "extenuación".

Semanas despois da súa renuncia arrestaron o seu home, director executivo da formación nacionalista durante preto de vinte anos; e o extesoureiro Colin Beattie, que dimitiu tras quedar en liberdade.

Reaccións

O portavoz para Escocia do Partido Laborista, Ian Murray, expresou este domingo a súa "profunda preocupación" pola detención de Sturgeon e subliñou que a investigación policial "debe proceder sen interferencias".

"Durante demasiado tempo, a cultura do segredo e o encubrimento arraigou no corazón do SNP", declarou Murray.

O presidente do Partido Conservador en Escocia, Craig Hoy, afirmou, pola súa banda, que tanto Sturgeon como a actual dirección do Partido Nacional Escocés deben "cooperar por completo coa investigación" e "comprometerse a unha total transparencia".

Urxiu ademais ao actual ministro principal escocés e líder do SNP, Humza Yousaf, a que suspenda de militancia a súa predecesora á fronte da formación e o executivo autónomo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar