Deteñen en Vigo un exmembro dos Grapo por realizar disparos en Castrelos
Deteñen en Vigo un exmembro dos Grapo por realizar disparos en Castrelos
O suceso produciuse no parque canino onde, segundo as testemuñas, sacou unha pistola durante unha discusión co propietario doutro can
Da investigación fíxose cargo a Policia Nacional e nestes momentos búscase a arma que aínda non foi localizada
Importante despregadura policial este xoves en Castrelos, en Vigo. Foi no parque canino. Testemuñas presenciais alertaron a emerxencias de que había un home cunha arma e que chegou a disparar en dúas ocasións.
As circunstancias do suceso súmase e o feito de que o suposto autor dos disparos é un exmembro dos Grapo, a quen a policía identifica como Manuel B. G., de 69 anos.
Segundo parece o investigado, que foi detido, mantivo unha discusión con outro home a conta dos cans. Pasaba un pouco das 18:30. Entón sacou a arma e disparou cando menos dúas veces, impactando un dos tiros nunha árbore, sen que chegase a alcanzar a ninguén.
Logo do aviso, varias patrullas policiais acudiron ao lugar e acordoaron a zona. Foron axentes municipais os que realizaron o arresto, tras localizar o suposto autor na rúa Enrique Alonso Xalueiro, preto do paso do río Lagares. Nese momento xa non tiña a arma no seu poder.
A Policía Nacional fíxose cargo da investigación. Polo momento segue a busca da pistola, da que se cre que se desfixo nunha zona algo afastada de onde se produciu a discusión.
Mentres, na comisaría interrogan ao detido para saber se os disparos eran intimidatorios ou trataban de alcanzar outra persoa. Segundo transcendeu, antes de ser trasladado a dependencias policiais foi levado a un centro médico e, durante o traxecto, non deixou de repetir que "ía matar" o home co que discutira.
O investigado, que conta con antecedentes polo seu pasado na banda terrorista, xa estivo no cárcere e agora acúsano dun delito de tentativa de homicidio e tenza ilícita de armas. Está previsto que pase a disposición xudicial este sábado.