Detido un taxista de Cangas acusado de agredir sexualmente dúas menores

O arrestado, de 65 anos, quedou en liberdade pendente de acudir ao xulgado cando sexa requirido

G24.gal 20/11/2023 16:31

A Garda Civil detivo un home de 65 anos, taxista de profesión, acusado de agredir sexualmente dous menores en Cangas do Morrazo. A investigación sobre o detido comezou por mor da denuncia presentada por unha das vítimas, que relatou como fora agredida no interior dun taxi, no que se trasladaba de madrugada desde Cangas ao seu domicilio en Moaña, acompañada dunha amiga.

A agresión, segundo explicou a moza aos axentes, produciuse unha vez que a amiga da denunciante abandonou o vehículo tras chegar á súa casa. O instituto armado informa de que, nun momento dado, o taxista detivo o coche, fíxolle comentarios relativos ao seu físico e o seu vestido, acariñoulle unha perna tentando baixarlle a parte superior da súa roupa e propúxolle un acto sexual, a cambio de non cobrarlle a carreira.

A menor finxiu unha chamada co seu móbil á súa nai, o que fixo que o taxista desistise da súa proposición e a deixase na súa casa, advertíndolle de que "non me busques un problema". Á segunda vítima, tamén menor de idade, nunha ocasión pediulle que lle dese un bico.

A Garda Civil asegura que o presunto autor de ambos os delitos se vale da súa profesión de taxista, aproveitando os servizos nocturnos para transportar as menores ao seu domicilio despois de saír de festa.

O detido, tras declarar en sede policial, quedou en liberdade e deberá presentarse no xulgado de garda de Cangas cando sexa requirido polo xuíz instrutor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade