Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detectado un novo foco de gripe aviaria nunha gaivota de patas amarelas en Cangas

Detectado un novo foco de gripe aviaria nunha gaivota de patas amarelas en Cangas

A gaivota foi trasladada a un centro de recuperación en Cerdedo-Cotobade, onde se lle extraeron as mostras que acabaron por confirmar o caso

Imaxe de arquivo dunha gaivota no porto de Cangas (Agostime / Europa Press) Imaxe de arquivo dunha gaivota no porto de Cangas (Agostime / Europa Press)
G24.gal 22/10/2024 19:13

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección en Cangas dun exemplar de gaivota de patas amarelas afectada pola gripe aviaria, un resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Nun comunicado, o departamento autonómico sinalou que a ave foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, na localidade pontevedresa de Cerdedo-Cotobade, onde se lle recolleron mostras para a súa análise en laboratorio e para xestionar posteriormente os restos do animal de acordo coa normativa en vigor.

A Xunta lembrou que a valoración de risco da gripe aviaria no Estado non variou con respecto aos meses anteriores, ao non tomárense medidas adicionais respecto ás que xa estaban en vigor desde o pasado mes de maio de 2023.

Deste xeito, na data actual mantéñense unicamente en Galicia certas medidas de prevención nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á denominada Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

Con todo, e dada a importancia do sector avícola na comunidade autónoma, a Xunta sinalou que continúa aplicando as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres. Unha das medidas é intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres e notificar a sospeita aos servizos veterinarios oficiais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade