Publicador de contidos
Publicador de contidos

Decretan prisión sen fianza para o acusado do crime machista de Moaña

Decretan prisión sen fianza para o acusado do crime machista de Moaña

O home, de 47 anos e con antecedentes, está acusado dun delito de homicidio, con penas entre 10 e 15 anos de cárcere

Confirman o de Moaña como crime machista, terceiro do ano en Galicia

G24.gal 07/10/2024 18:42

Logo de tres horas de declaración, o Xulgado de Instrución nº3 de Cangas, en funcións de garda, acordou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza no cárcere da Lama do veciño de Moaña detido como suposto autor da morte da muller de 41 anos que perdeu a vida ao caer nun coche ao mar no peirao de Domaio.

O crime xa foi considerado como un novo caso de violencia machista. O corpo da muller fora localizado cando se procedía á retirada do vehículo afundido no mar, e presentaba polo menos un golpe preto da boca.

O home, de 47 anos, tiña xa antecedentes por feitos relacionados coa violencia machista. Fora detido o pasado sábado cando se atopaba ingresado no hospital Povisa de Vigo, onde fora trasladado logo de ser rescatado con síntomas de hipotermia na parte superior do vehículo que pilotaba e que acabou na auga, provocando a morte da falecida.

A maxistrada ordenou o seu ingreso en prisión acusado dun delito de homicidio. 

Ás portas do xulgado, dúas sobriñas da vítima, Chaima e Dina, atenderon os medios de comunicación antes da chegada do acusado. Elas aseguraron que o agora detido "aproveitouse e burlouse" da falecida, coa que estaba a saír desde había "uns oito meses".

As sobriñas dixeron que el lle asegurou que fora Garda Civil e que agora era camioneiro. Tamén engadiron que a muller non sabía nadar nin falar español e que veu a España "buscar unha vida mellor" para o seu fillo.

A pesar de non ter os papeis en regra, traballaba a media xornada de limpadora ou trataba de buscar algún emprego en Marrocos para aforrar e poder manterse en España, onde vivía co seu fillo menor de idade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade