Detidas dúas mulleres na Coruña por queimar colectores de lixo na cidade
Detidas dúas mulleres na Coruña por queimar colectores de lixo na cidade
A Policía Local investiga se os incidentes están relacionados coa convocatoria de folga prevista no servizo de recollida do lixo coincidindo coas festas do San Xoán
A Policía Local dá a Coruña detivo dúas mulleres ás que relaciona cunha vaga de incendios rexistrada esta noite en colectores do lixo, papeleiras e un contedor de obra situados en varios puntos da cidade.
Os incendios producíronse entre a unha e as tres da madrugada. O primeiro deles foi na rúa da Torre e o último, en Juan Castro Mosquera, preto das tres da mañá.
Os bombeiros tiveron que empregarse a fondo, porque neste tempo arderon oito colectores do lixo, unha papeleira e un contedor de obra.
O lume afectoulles a un total de tres coches que estaban estacionados a carón destes elementos urbanos.
A Policía Local detivo dúas persoas como supostas responsables destes lumes que foron trasladadas xa aos calabozos de Lonzas. A investigación segue aberta.
Os axentes investigan se os feitos teñen relación co conflito aberto no servizo de recollida do lixo. Está convocada unha folga coincidindo coa celebración do San Xoán.