Cales son as claves da felicidade?
Cales son as claves da felicidade?
O libro Unha boa vida baséase no estudo máis longo realizado nunca sobre desenvolvemento humano
O libro do maior estudo feito xamais sobre a felicidade vaise publicar en dous días, co selo da Universidade de Harvard, que o financiou durante oitenta anos. A súa conclusión é que coñecerse un mesmo e ter boas relacións poden ser as claves da felicidade.
Galicia está de última entre as comunidades españolas canto á felicidade, pero este luns, Día Internacional da Felicidade, nós saímos á rúa e só encontramos persoas felices, digan o que digan as estatísticas.
Preguntámoslle a un loteiro de toda a vida por iso de que os cartos dan a felicidade. Pois a cousa é que non, ou polo menos non a garanten. Si axudan co benestar, pero non hai que confundir conceptos, como nos comenta da súa experiencia de dar premios Manuel Parrado, da Administración número 1 de Melide.
"Houbo xente que empregou os cartos para traballar máis, e a xente aínda lle chamou burro. Un peregrino pasou e fixo unha bonoloto; ao día seguinte en Arzúa soubo que lle tocaran tres millóns de euros e xa non chegou a Santiago".
O estudo de Harvard conclúe que coñecerse un mesmo e ser agradecido pode ser un bo camiño para ser feliz. Preguntámoslle sobre iso a Diego Antelo, psicólogo sanitario, tamén en Melide.
"O máis sinxelo, avalado por Harvard, é que o máis importante é encher a nosa vida do que nos satisfai e nos senta mellor".
Outra das claves sería ter unhas relacións sas, de todo tipo, non só sentimentais, que tamén. E os que encontramos polas rúas de Melide consideran que son felices, como queda patente nas súas contestacións.
"Teño todo o que quería na vida: unha boa familia, un bo traballo, e son feliz" / "Levarme ben e se lle tes cariño e queres esa persoa, pois es feliz, non?" / "Saúde e ter un traballo estable" / "Ás veces temos que facer de tripas corazón, como se di, e hai que ser alegres".
Todas estas persoas puxeron en práctica, sen sabéreno, a máxima do estudo: traballar no que un cre que o fai feliz e, sobre todo, aprender a falar do que nos preocupa, elimina estrés e mellora a vida.
A mensaxe é que nunca é demasiado tarde para cruzar e atreverse a ser feliz.