A artesá galega que deseñou o envoltorio da edición especial dun viño de luxo
A artesá galega que deseñou o envoltorio da edición especial dun viño de luxo
Edita Rodríguez, Jatafarta, partiu do concepto de arnés para vestir unha botella de Marqués de Murrieta pensada para coleccionistas
A bodega Marqués de Murrieta acudiu a unha artesá galega, despois de fixarse no seu nome e nos conceptos que traballou, para pedirlle o envoltorio dunha edición especial do seu viño. Pero, máis alá desta nova relación do luxo e a artesanía, entramos no taller de Edita para descubrir o seu traballo.
Alí respírase traballo coidado, moito tempo dedicado, pouca produción. Cousas da artesanía. Nos comezos, unha amiga filóloga propúxolle o nome de Jatafarta polo amor aos gatos e tamén pola sonoridade do nome, tan árabe, coma o mundo da marroquinería.
Edita Rodríguez criouse nunha familia de artesáns, e o seu destino acabou virando cara ao coiro, cara á pel de curtido vexetal. E hoxe xoga e investiga con el. Está a preparar unha colección que recupera unha antiga técnica, chamada coiro fervido, coa que a calor e a humidade converten o coiro nun material ríxido. En tempos, esta técnica empregábase para facer escudos; hoxe ela adáptaa a obxectos contemporáneos, e mesmo pensa en mobles de coiro.
Edita non se define como artista, pero recoñece que pode concibir un bolso ou un brazalete como unha escultura.