Atopa 63.000 euros nunha caixa dunha televisión vella e devólvellos á propietaria
Atopa 63.000 euros nunha caixa dunha televisión vella e devólvellos á propietaria
Foi o traballador dun punto limpo o que atopou o diñeiro e se preocupou por alertar as forzas da orde para conseguir identificar a dona dos cartos
Un operario dun Punto Limpo de Cidade Real devolveu algo máis de 63.000 euros que atopou no interior dunha caixa dunha vella televisión, despois de que os seus propietarios a deixasen nestas instalacións municipais para ser reciclada.
O suceso ocorreu no pasado mes de setembro, pero non foi ata hai uns días cando se coñeceu publicamente o caso.
O traballador, Juan Carlos, relatou que unha señora levou ata o punto limpo un bo número de aparellos electrónicos en desuso, entre eles, teléfonos, impresoras e routers, ademais de varias caixas, entre elas, a dunha vella televisión.
Tras atendela, o traballador lembra como levou a cabo o seu labor de separar os residuos e as caixas. Foi nese proceso cando se deu conta de que "nun dos paquetes, que era dun pequeno televisor, non viña o aparello correspondente, o que viña era diñeiro, feixes, debidamente embolsados".
Juan Carlos explica que tras sacalos para comprobar se era diñeiro falso ou eran billetes de nenos dalgún xogo, comprobou que era diñeiro legal, en euros.
Entón chamou a Policía Local para que visen a través das cámaras de seguridade para comprobar a identificación desta señora.
Despois, comentou, puxeron o caso en coñecemento da Garda Civil, que foi, segundo relata o operario do Punto Limpo, os que "identificaron a persoa", para, finalmente, entregar o diñeiro á súa lexítima propietaria.
"Creo que o principal mérito teno a Garda Civil", asegurou Juan Carlos, quen asegurou que el non fixo "unha cousa fóra do normal, senón que fixen o que debo de facer".
"Dentro da Administración, sexa local ou nacional, esta é a nosa obriga e deber", lembra restando importancia a todo o sucedido.