Leva nove millóns de anos no planeta, é enxeñoso e ten temperamento
Leva nove millóns de anos no planeta, é enxeñoso e ten temperamento
Descubrimos os segredos do polbo no seu día mundial
Malia ser o rei das festas galegas, aínda agocha moitos segredos. Este martes celébrase o Día Mundial do Polbo para render homenaxe a unha das especies mariñas que sobreviviu máis tempo no planeta. A capacidade de adaptación do polbo permitulle sumar xa 9 millóns de anos de existencia na terra.
Ángel Guerra é un dos mellores coñecedores deste cefalópodo. Explica que "son dos que mellor capacidade teñen para adaptarse aos cambios de temperatura, pero se hai cambios na concentración de osíxeno, terán problemas, e está moi relacionado coa contaminación" e engade que non diría que son "intelixentes, pero son moi enxeñosos. Podémolo comparar cun rato".
Ese enxeño levouno mesmo a ser oráculo no fútbol co polbo Paul alá polo ano 2010. Ademais cada un co seu temperamento. Guerra apunta que "hai algúns que os tratan como persoas, pero non teñen personalidade. Si teñen temperamento, uns son máis tímidos, outros máis agresivos...".
O cerebro do polbo mesmo creou aquí algunha polémica cando a actriz Jane Fonda pediu boicotear o seu consumo. No mar é capaz de enfrontarse a peixes máis grandes, segundo este experto: "son capaces de matar un pequeno tiburón, asfíxiano cos tentáculos".
Entre os desafíos que afronta o polbo agora está produción en acuicultura de xeito industrial e con pensos vexetais.