Día Internacional do Pantalón de Chándal
Día Internacional do Pantalón de Chándal
A cultura do chándal conquistou mesmo os grandes deseñadores que o subiron á pasarela
Non é só tendencia, o chándal é cultura
"Cambiou moitísimo a percepción que temos do chándal cando antes era unha peza exclusiva para a actividade deportiva e hoxe en día forma parte do noso vestiario habitual", explica Iria Lema, profesora de Téxtil no CIFP Paseo das Pontes.
Ai, o chándal, canto deu que falar nos cen anos que ten de historia! É difícil atopar alguén que non o teña. A comodidade, o seu principal atributo.
"Priorizamos agora estar cómodos, e o chándal vaia, de xeito máis deportivo, de xeito urbano, encántame".
"Si, ao final uso moitas veces chándal precisamente porque é moi cómodo".
"Pero, utilízoo moito para estar na casa, non para saír", comentan na rúa.
O chándal reinventouse para usarse no día a día e grazas á presión social conquistou incluso grandes deseñadores de moda que tiveron que entrar polo aro. Mesmo houbo quen se atreveu con deseños para noivas.
"Dende esa reticencia ou ese menosprezar o chándal a incorporalo nas pasarelas como fixo Versace", apunta Iria Lema.
Ese chándal xa non é roupa de deporte, agora é moda.
"De feito ás tendas tradicionais en roupa de deportes non se lles permite comercializar os chándal de moda, están como relegados ás boutiques e teñen outro status", continua a mestra de Téxtil.
E moito diso foi grazas ás celebridades e influencers que lle deron visibilidade. Crearon aparencias sofisticadas con tacóns, abrigos de pel e bolsos de deseño.
"Poslle un abriguiño de pelo sintético, poslle unhas zapatillas bonitas, poslle mil cousas", conta unha rapaza.
Cambiaron os modos de vestilo e tamén os tecidos.
"O algodón absorbe moi ben, transpira moi ben, pero acaba sendo pesado cando colle humidade. Hoxe en día temos tecidos técnicos que regulan temperatura, favorecen a transpiración, cambiou totalmente o panorama", conclúe Iria Lema, profesora de Téxtil no CIFP Paseo das Pontes.