Inditex sobe ao podio mundial do sector da moda, xunto a Hermès e LVMH
Inditex sobe ao podio mundial do sector da moda, xunto a Hermès e LVMH
A compañía galega sitúase en terceiro lugar no índice de preparación para o futuro publicado por IMD
A compañía galega Inditex escala ata o cume da industria mundial da moda e posiciónase no terceiro lugar no índice de preparación para o futuro que publicou a escola suíza de negocios IMD e no que as francesas Hermès e LVMH ocupan o primeiro e segundo lugar, respectivamente.
Na edición 2024, Inditex -dona de numerosas marcas no sector téxtil, como Zara, Bershka, Stradivarius ou Massimo Dutti- subiu cinco postos e logrou situarse entre as tres máis destacadas no mundo. No seu caso concreto, foi grazas a unha boa integración dixital e ser capaz de adaptar o seu modelo de moda rápida ás expectativas modernas.
A avaliación valora que Inditex soubese transformarse manténdose preto das cambiantes preferencias dos consumidores, adoptando un ciclo de produción rápido e combinando a fluidez dixital coa forza das súas tendas físicas.
O índice valora o modelo de negocio de 93 das maiores empresas do mundo nos sectores da moda, farmacéutico e de tecnoloxías, e destaca que un factor que tomou notable importancia para o seu éxito é a integración efectiva da intelixencia artificial.
Tamén considera esencial para o éxito corporativo a relevancia cultural, que se adquire a través das asociacións locais e as redes sociais, en particular na moda, na que considera que Hermès e LVMH crearon "auténticos movementos culturais que resoan en todo o mundo".
"Hermès, LVMH e Zara aproveitaron con éxito a tecnoloxía para conectar con públicos diversos, facéndoas culturalmente relevantes e altamente competitivas. As empresas que non o fan quedan cada vez máis atrasadas", sinala a análise do índice.
A sustentabilidade tamén xorde como un elemento chave para situarse ben nun mercado en evolución e no caso da moda, isto estase vendo mediante o modelo de economía circular que máis e máis firmas adoptan e que pon énfase na reciclaxe, a reutilización e a diminución de residuos.
"As marcas que se aliñan con estes valores están a resoar con máis forza nun segmento crecente de consumidores concienciados co medio ambiente", sinálase.
De Hermès e LVMH, os analistas do IMD consideran que ambas se embarcaron nunha "expansión reflexiva" en lugar dun crecemento agresivo, e que o caso de ambas as dúas xunto co de Inditex demostran que "a moda rápida non morreu, senón que está a evolucionar".
O índice afirma, por outra banda, que foron as críticas xeneralizadas á industria da moda rápida as que provocaron a caída de H&M do posto 13 ao 20.
Outra caída significativa é a de Nike, que baixou do primeiro posto ao cuarto, o que se atribúe a "un afastamento da súa identidade principal centrada no rendemento", o que deixaría tanto os seus consumidores como socios perturbados.
"Esa caída salienta como perder o foco pode ser máis perigoso que a propia competencia", subliñan os especialistas.