Publicador de contidos
Publicador de contidos

Diego Calvo: "Non entendemos como Sánchez tarda tanto en recibir a Rueda"

Diego Calvo: "Non entendemos como Sánchez tarda tanto en recibir a Rueda"

O vicepresidente da Xunta rexeita a reforma estatutaria para a transferencia do dominio público marítimo-terrestre e di que aducila é "seguir enredando"

O presidente do PP provincial da Coruña considera que hai marxe para que os populares acaden a Deputación da Coruña tras as vindeiras locais

Calvo opina que Yolanda Díaz "máis que sumar, resta", á luz da súa traxectoria política

G24.gal 12/06/2022 10:24 Última actualización 12/06/2022 13:14

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, urxe A Moncloa a concertar canto antes a reunión solicitada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, dicía non entender que a día de hoxe aínda non haxa data para a reunión. Malia opinar que os problemas do señor Sánchez "son moitos", xa que "en política internacional vai de sobresalto en sobresalto", Calvo engadía que "cando hai un cambio na presidencia dunha comunidade autónoma (...) hai que atopar un oco para recibir o novo presidente".

Insiste en que  Sánchez "reciba canto antes" a Rueda porque de non ser así, "non é un desprezo ao presidente da Xunta senón aos galegos".  Avisa que se a reunión se produce despois das vacacións de verán "sería unha cousa inaudita que nunca se produciu na historia democrática de España". 

"A verdade é que non entendemos como se pode tardar tanto. Supoño ou espero, mellor dito, que o reciba canto antes porque non é un desprezo ao presidente da Xunta é un desprezo aos galegos"

Na axenda da agardada reunión entre Sánchez e Rueda, Diego Calvo lembra que figuran a esixencia de concreción de fondos europeos para proxectos coma Altri ou Stellantis así como a transferencia da AP-9 e da xestión das competencias do dominio marítimo-terrestre.

Sobre último asunto, o vicepresidente segundo da Xunta nega que sexa necesaria a reforma do Estatuto para que se poida producir a transferencia que  -segundo dixo- apuntaron dende o PSOE.

Para o número tres do Goberno galego, "hai unha sentenza do Tribunal Constitucional" respecto a un caso similar en Cataluña que "avalaba que non era necesario reformar o Estatuto" porque entende que xa é "competencia da comunidade autonóma" recollida no seu estatuto e que se podía facer a través dun Real Decreto. 

"Creo que se trata de seguir enredando e que no Goberno central teñen un obxectivo, que é un obxectivo político máis que de xestión, que eles consideran que hai que levar a cabo unha transición abrupta".  

Eleccións municipais

Diego Calvo, que tamén é o presidente do PP da provincia da Coruña, asegura que o obxectivo do seu partido é "recuperar todos os concellos nos que nas últimas eleccións non gañamos por moi pouco" e puxo o exemplo de acontecido en Negreira, onde o PP perdeu -lembrou- por un só voto de diferenza.

Respecto ás candidaturas ás alcaldías principais da súa provincia, asegura que a "intención é telas antes de agosto" pero prefiro non marcar un prazo concreto por se hai algunha circunstancia nalgún concello que obrigue a algún atraso. En todo caso, si expresou a súa confianza en poder recuperar a presidencia da Deputación da Coruña. 

Diego Calvo, que tamén preside o comité electoral do PP no nivel nacional, amosou a súa confianza na vitoria dos populares nas andaluzas. Interrogado sobre o proceso de escoita que a partir do 8 de xullo lanzará a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, e que se denomina Sumar, Calvo tirou de xogo de palabras para opinar que máis que "en vez de sumar vai restando" e argumentouno tirando da traxectoria política de Díaz e a súa vinculación a varios proxectos políticos.

"Empezou en Izquierda Unida, cando houbo problemas en Izquierda Unida pasa a Anova, cando hai problemas en Anova pasa a AGE, despois a Podemos e agora resulta que tamén deixa Podemos e empeza outro partido. Vanlle quedando poucos, non sei se rematará no Partido Socialista. Creo que é lexítimo intentar moitas iniciativas, que faga o que estime necesario, pero creo que a xente que a coñece en vez de sumar eu creo que vai restando"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos