Publicador de contidos
Publicador de contidos

Jácome logra un resultado histórico e gaña en Ourense con dez edís

Jácome logra un resultado histórico e gaña en Ourense con dez edís

O PP será a segunda forza con sete, o PSdeG obtén seis e o BNG catro

G24.gal 28/05/2023 21:34 Última actualización 29/05/2023 01:40

O partido do independente Gonzalo Pérez Jácome, Democracia Ourensana, sitúase como a forza máis votada en Ourense con dez edís. Rompe así todos os prognósticos.

O PP acada sete, o PSdeG seis e o BNG catro.

O partido de Jácome, malia as últimas gravacións e o convulso mandato, gaña tres concelleiros e pasa de terceira forza a primeira. O BNG tamén sae fortalecido e duplica a representación. 

O PP mantén os sete que tiña na pasada lexislatura e o PSdeG-PSOE baixa tres respecto aos comicios de 2019.

O partido independente de Jácome sitúase así como un caso paradigmático en España, ao lograr ser a forza máis votada nunha cidade malia non contar co apoio de grandes partidos.

Valoración electoral de Jacóme

Tras coñecer os resultados oficiais e a vitoria na cidade do seu partido, Gonzalo Pérez Jácome dirixíase ante a sede de Democracia Ourensana aos simpatizantes e sobre todo aos mozos, aos que lles pediu o voto con insistencia na campaña.

"Ourense berrou esta noite e a democracia falou. É un triunfo histórico dun partido independente en Ourense, o único que goberna unha capital de provincia. E hoxe lograremos en torno a 18.000 votos. Non vou facer o speech da miña vida, quero darvos as grazas a todos. Estamos aínda asimilando os resultados. Hai unha cidade que gobernar", dixo Jácome.

E o candidato á alcaldía de Ourense polo PP Manuel Cabezas compareceu ante os medios para expresar a súa decepción polos resultados, xa que, dixo, a súa mensaxe e o seu proxecto non callaron entre o electorado, que elixiu outra cousa diferente. Cabezas asegura que deben de reflexionar sobre o que pasou e mirar ao futuro.

"A mellora na cidade non foi suficiente para alcanzar o obxectivo que nos marcaramos. Polo tanto o resultado non é bo. Elaboramos un proxecto de futuro que criamos que a cidade precisaba pero o cidadán elixiu outra cousa diferente, polo tanto non hai mais que aceptalo".

"O traballo do meu equipo e da candidatura foi extraordinario pero non callou na lexislatura".

Paco Rodríguez: "Hoxe perdeu a cidade"

Paco Rodríguez, candidato do PSdeG á alcaldía de Ourense, asegurou que este domingo perdeu a cidade porque gañou o que cualificou de antipolítica.

"Para min perdeu esta cidade porque gañou a antipolítica e iso non beneficia nada. Non imos abandonar a cidadanía, imos estar aí pelexando e terémolo que facer entre moitos porque a situación vai ser complexa".

Luis Valora, do BNG, dixo que o seu partido "sempre fai das cuestións seriedade e rigor" polo que meditarán e analizarán os resultados para tomar as decisións correspondentes.

"Agora, hoxe é o momento para a satisfacción polo traballo feito”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade